Nace a plataforma “Galiza sen gas”

Publicado por Galiza sen gas o

(30 de novembro de 2023). No día en que comeza o cumio climático anual (COP28) a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” transfórmase en “Galiza sen gas”. Despois do carbón, o gas fósil é o seguinte combustíbel fósil que debemos deixar de queimar na nosa terra para contribuírmos a mitigar a crise climática.

Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón no noso país antes de 2025.

Agora, xusto cinco anos despois do seu nacemento, transfórmase en “Galiza sen gas” para demandar o abandono do gas fósil antes de 2035.

O fin da xeración eléctrica con carbón foi un enorme logro climático do que nos felicitamos. Así, a caída do 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a causa principal do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período (2021 é o ano máis recente con datos oficiais sobre as emisións).

Porén, o atraso na transición enerxética está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural.

Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, o consumo galego de gas fósil medrou o 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. O gas  é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia, tanto na xeración eléctrica como na de calor.

O gas non pode ser o novo carbón

O gas fósil está a ter un papel excesivo na nosa transición enerxética. O seu uso incluso medrou máis que o do total das renovábeis durante o que levamos de século (1).

A utilización do gas fósil como respaldo das renovábeis na produción eléctrica e como fonte de calor pode e debe diminuír rapidamente mediante a redución do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel.

Despois do carbón, o seguinte combustible fósil a abandonarmos é o gas fósil, pois o emprego do petróleo, do que aínda son extremadamente dependentes o transporte e o sector primario, terá que alongarse un pouco máis que o do gas.

Obxectivos de “Galiza sen gas”

No seu manifesto fundacional a plataforma “Galiza sen gas” proponse catro grandes obxectivos:

1) Que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030 e para obter calor en fogares, servizos e industria antes de 2035. E acabar axiña coa súa utilización no transporte, que é moi residual.

Central eléctrica de ciclo combinado a gas fósil de Sabón, propiedade de Naturgy. Existe outra máis nas Pontes, de Endesa.

2) O peche da regasificadora de Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa, enerxética da que detén o 28,6% do capital.

3) A prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante “fracking”, por ser a técnica máis impactante (razón pola que foi prohibida en España), así como o cesamento da importación de gas que contribúe a financiar guerras ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos. Neste sentido, cómpre suliñar que 15 dos 28 metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2022 procederon de Rusia.

4) A oposición ao posíbel hidroduto Guitiriz-Zamora, que se integraría no proxecto H2Med. A produción masiva de hidróxeno verde para exportación, ou ben desviaría unha grande cantidade da electricidade renovábel adicional necesaria para deixarmos de consumir canto antes en Galicia gas fósil e produtos petrolíferos, ou ben forzaría a sobredimensionar a capacidade de produción renovábel, fundamentalmente eólica.

A plataforma Galiza sen Gas está integrada inicialmente por Amigas da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global, Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.

Nota

  1. Segundo os balances enerxéticos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, a enerxía primaria achegada polo total das fontes renovábeis pasou de 1.023 ktep (kilotoneladas equivalentes de petróleo) no ano 2000 a 2.695 en 2021 (+1.672 ktep, +163%). Mentres que a proporcionada polo gas fósil creceu desde 195 a 2.108 (+1.913 ktep, +981%).

 


1 comentario

Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2023 - ESF Galicia · 11 Decembro, 2023 ás 7:16 a.m.

[…] Nace a plataforma “Galiza sen gas” […]

Os comentarios están cerrados.