O gas fósil en Galicia
O gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo recurso enerxético máis usado en Galicia, ficando só atrás do petróleo. Pero mentres o uso enerxético do petróleo, moi influído pola actividade da refinaría da Coruña, tende a diminuír lentamente, e o do carbón rematou en 2023, ao pechar a central das Pontes, o emprego do gas fósil medrou fortemente no que levamos de século. Tanto como todas as renovábeis xuntas!!!.
O gas fósil, presentado ás veces enganosamente como “limpo”, está a ter un protagonismo na transición enerxética moito maior do que xa debera ter a estas alturas.
Gas natural: tan fósil como o petróleo e o carbón
O gas natural é un combustíbel fósil con múltiples impactos asociados á súa extracción, transporte e consumo, especialmente cando se extrae mediante fractura hidráulica (“fracking”). Esta agresiva técnica para a extracción de gas e petróleo en rochas porosas está prohibida en territorio español mais, a pesar diso, importamos gas de “fracking” sen restricións. É o caso da maioría do procedente dos Estados Unidos de América, hoxe o maior subministrador de Galicia.
A utilización do gas fósil provoca contaminación atmosférica e contribúe á crise climática. Na súa combustión emítese dióxido de carbono (CO2), gas de efecto invernadoiro, alén de contaminantes atmosféricos, como os óxidos de nitróxeno (NOx).
Por outro lado, durante a extracción e transporte do gas fósil teñen lugar, en maior ou menor medida, fugas de metano (CH4), un gas con moitísimo maior impacto climático a curto prazo que o CO2. Hai que ter en conta que o gas fósil é un 90% metano.
A sobredimensionada infraestrutura gasista
O gas usado en Galicia poder chegar até nós a través da rede ibérica de gasodutos ou en barcos metaneiros como gas licuado descargado na regasificadora de Mugardos (Reganosa), construída no interior da ría de Ferrol entre múltiples irregularidades e fortes protestos sociais. Nos últimos anos a regasificadora ten sido a única vía de entrada.

Regasificadora de Mugardos. É propiedade da enerxética galega Reganosa, en cuxo capital participa a Xunta.
A regasificadora de Mugardos abastece, mediante gasodutos, as centrais eléctricas de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy), así como a refinaría de petróleo da Coruña (Repsol), unha grande consumidora de gas fósil. No período 2021-2025 os ciclos combinados achegaron entre o 9,3 e o 23,1% do total da electricidade producida anualmente en Galicia.

Ciclo combinado das Pontes (800 MW), situado a carón da antiga central de carbón.

Ciclo combinado de Sabón (400 MW), no polígono industrial do mesmo nome en Arteixo.
Non só se obtén electricidade con gas fósil nas centrais de ciclo combinado. Existen 24 centrais de coxeración operativas que empregan gas fósil para obter simultaneamente electricidade e calor coa finalidade de abastecer algunhas industrias e servizos. Distribuídas por toda Galicia, suman unha potencia de 147 MW. Xunto coas centrais de coxeración alimentadas con produtos petrolíferos, representan unha autoprodución fósil industrial/comercial.

A maior central de coxeración con gas é a da fábrica de bioetanol de Curtis (Vertex Bioenergy), con case 25 MW de potencia.
A regasificadora de Mugardos tamén carga gas en camións cisterna cos que se abastecen consumidores industriais e domésticos de todo o noroeste da Península Ibérica que non contan con acceso á rede de gasodutos, a través de plantas satélite conectadas a redes locais de distribución. En Galicia existen 17 plantas satélite, a maioría nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Os ciclos combinados son grandes fábricas de cambio climático
As centrais de ciclo combinado, que entraron en plena operación en 2008, ademais de seren focos importantes de contaminación atmosférica, figuran entre as industrias galegas con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático.
En 2025, a central de ciclo combinado das Pontes foi a segunda industria galega con maiores emisións de GEI, só por detras da refinaría de petróleo da Coruña (Repsol). A central de gas fósil de Sabón ocupou o terceiro lugar.
Para consumo interno e reexportación
Unha parte do gas fósil importado por Galicia é reexportado cara a outros territorios, pero a maioría consómese aquí. Segundo o máis recente Balance enerxético de Galicia (INEGA), en 2024 exportouse o 31,2% do gas fósil que chegou á nosa terra.
Aínda que o consumo segue a ser elevado, nos últimos anos obsérvase unha tendencia ao descenso. En 2021 podería terse atinxido o pico histórico no consumo.
A xeración de electricidade (en ciclos combinados e centrais de coxeración) representa o 45% do consumo de gas fósil no noso país (2024). O resto do consumo de gas fósil destínase á obtención de calor, agás unha porcentaxe residual consumida no transporte.
Por sectores, a industria, incluída a enerxética, lidera o consumo, acaparando o 81,8% do total (2024). O sector servizos demanda o 10,7% e o doméstico o 6,3%. O transporte consome o 1,2% restante.
O gas fósil non só se utiliza en Galicia para obter enerxía senón tamén como materia prima para a produción de hidróxeno cincento.
(Información actualizada en xuño de 2026).