Conseguimos un futuro sen carbón!

Publicado por Galiza sen gas o

(23 de novembro de 2023). O apagado da central de carbón de Endesa nas Pontes o 4 de outubro pasado significou o fin definitivo do uso do carbón na xeración eléctrica en Galicia.

En pouco máis de tres anos pecharon as dúas centrais de carbón galegas. Pero aínda non atinximos unha xeración eléctrica 100% renovábel. Produtos petrolíferos e, sobre todo, gas fósil, seguen presentes no “mix eléctrico” galego.

A térmica de carbón das Pontes foi un dos maiores focos emisores de dióxido de carbono (CO2) de Europa até o seu declive definitivo a partir de 2019. O peche desta central é un fito na loita contra a crise climática desde o noso país que celebramos desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón, que ve así cumprida a misión coa que naceu en 2018.

Aquí podes ver un resumo da historia desta central e do combate polo seu peche, no que participou a plataforma durante os últimos anos.

Acción de protesto de Galiza, un futuro sen carbón diante da central de carbón das Pontes celebrado o 1 de decembro de 2018.

350 millóns de toneladas de CO2

Nos seus 47 anos de vida a central de carbón das Pontes lanzou á atmosfera uns 350 millóns de toneladas de CO2, segundo unha estimación do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI). Isto é, 18 veces máis gases causantes de cambio climático que toda Galicia en 2021!

Durante o presente ano, até o seu apagado, a central de carbón das Pontes produciu un 4% da electricidade obtida en territorio galego. A pesar de ser unha achega relativamente pequena,  abondará sen dúbida para colocar esta central entre as industrias galegas con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro en 2023.

A desconexión da térmica de carbón das Pontes supón a consecución dos obxectivos de Galiza, un futuro sen carbón: pechar as centrais de carbón de Meirama e As Pontes antes de 2025.

A eliminación do carbón da produción eléctrica era a prioridade número un na loita contra a crise climática desde a nosa terra, como demostrou a forte caída das emisións territoriais galegas de gases de invernadoiro asociada ao descenso da produción eléctrica con carbón producido partir de 2019, descenso impulsado pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións.

Cómpre tamén acabarmos o antes posíbel co petróleo e o gas fósil

Agora urxe reducirmos rapidamente, até a eliminación, o uso de petróleo e de gas fósil.

O consumo enerxético cuberto con gas fósil, tamén chamado gas natural, non só non está a diminuír senón que mesmo está a subir, cubrindo unha parte do oco deixado polo carbón na produción eléctrica.

Categorías: Noticias