Un novo informe revela os impactos socioambientais asociados á dependencia do fracking en Galicia e Europa

Publicado por Galiza sen gas o

O informe “Europa, presa del fracking. La verdad tóxica tras la obsesión europea por el GNL”, de Food & Water Action Europe e Gas no es solución, saca á luz os custos ambientais e sociais asociados á dependencia europea do gas fósil estadounidense procedente de fracking (fracturación hidráulica).

Galicia tamén importa Gas Natural Licuado (GNL) de fracking extraído nos EEUU, a través da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos, na ría de Ferrol.

As operacións de fracking e GNL non só agravan a crise climática, senón que tamén implican un alto prezo nas comunidades de primeira liña de EE UU que residen perto dos emprazamentos de fracking e das terminais de GNL desde onde se exporta ao noso país e ao resto de Europa.

De 2021 a 2023, as importacións estadounidenses de GNL triplicáronse. As importacións do ano pasado na UE-27 ascenderon a 64.000 millóns de metros cúbicos, o que representa case a metade das importacións totais de GNL do bloque. Os Países Baixos, Francia e España convertéronse nos principais importadores, con máis de 38.000 millóns de metros cúbicos de gas, o que representa máis do 60% de todas as importacións estadounidenses de GNL á UE.

Galicia foi pioneira na importación de gas de fracking

A maior parte do gas de fracturación hidráulica procede de terminais de exportación da costa do Golfo, sobre todo de Texas e Luisiana. Nunha delas, Sabine Pass, tivo orixe o primeiro gaseiro con GNL estadounidense recibido na regasificadora de Mugardos en 2016, que foi a segunda importación europea e a primeira española de GNL estadounidense.

Desde 2016 e até decembro de 2023, a planta de Reganosa na ría de Ferrol recibiu un total de 30 metaneiros con gas fósil estadounidense, nunha tendencia ascendente.

“O voraz apetito da UE polo GNL ten un grave custo para os dereitos humanos, perpetúa a degradación ambiental e exacerba as desigualdades sociais. Ao encerrármonos en contratos de GNL a longo prazo e investirmos en novas infraestruturas de gas, traizoamos tanto os nosos compromisos climáticos como o imperativo de abandonarmos os combustíbeis fósiles”.

Enrico Donda, responsábel da campaña de gas de Food & Water Action Europe.

Aínda que a decisión da administración Biden de pór en pausa os novos proxectos de GNL é un paso adiante, non deterá a construción en curso nin reducirá a capacidade actual de exportación de GNL.

Durante o ano pasado as taxas de utilización das terminais de GNL da UE estiveron por baixo do 60%.  Na planta de Reganosa en Mugardos a taxa de utilización en 2023 atinxiu o 66%, batendo récords de actividade, aínda que a maioría dos metaneiros descargados nela en 2023 non procederon de EEUU senón de Rusia.

Fracking: aquí non, vía importacións si

O informe tamén expón o paradoxo dos países da UE: mentres seis dos 13 países importadores de GNL da UE prohibiron a fracturación hidráulica no seu territorio por motivos ambientais e sanitarios, seguen importando gas fósil de fracturación hidráulica.

Mentres na UE aseguramos as importacións de gas, facemos que non vemos as violacións dos dereitos humanos e apoiamos a réximes autoritarios mediante novos contratos de gas. A solución aos elevados prezos da enerxía e á crise do custo da vida pasa por unha transición rápida e xusta cara a enerxías 100% limpas, non por seguir profundando na dependencia dos combustíbeis fósiles sucios.

“Necesitamos afastarnos dos combustíbeis fósiles de forma rápida, xusta e para sempre co fin de lograrmos a xustiza climática e social. E nomeadamente os países europeos que prohiben a extracción de gas mediante fracking nos seus territorios, como o Estado español, deben prohibir as importacións deste gas desde terceiros países, para non externalizarmos os seus graves impactos”.

Marina Gros Breto, coordinadora da área de Enerxía de Ecoloxistas en Acción e activista da rede “Gas No es Solución”.

Le o informe completo: Europa-presa-del-fracking.