O peche da central de carbón das Pontes foi a maior acción climática na historia de Galicia

Con motivo da voadura hoxe das torres de refrixeración da central térmica de carbón das Pontes, a plataforma Galiza Sen Gas, anteriormente denominada Galiza Sen Carbón, salienta o enorme impacto positivo do peche desta central para a acción contra a crise climática e a transición enerxética no noso país.
330 millóns de toneladas de CO2 que continuarán a provocar crise climática
A achega ao cambio climático da central de carbón das Pontes é comparábel á de moitos países. Nos seus case cincuenta anos de vida estímase que emitiu uns 330 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) causante de cambio climático (1). Esta cantidade equivale a 20 anos de emisións de gases de efecto invernadoiro de toda Galicia ao ritmo actual.
O fin da produción eléctrica con carbón, posibilitado polo desenvolvemento renovábel, é a causa principal do descenso do 42,2% nas emisións brutas de gases de efecto invernadoiro da nosa terra en 2024 con respecto a 1990. O sector enerxético foi o único no que se rexistrou un recorte das emisións forte e estrutural, mentres outros, como o transporte, aumentaron as súas emisións en relación a 1990.

Acción polo peche da central de carbón das Pontes da plataforma Galiza sen carbón (hoxe Galiza sen gas) en 2018. Ao fondo, as torres de refrixeración derrubadas.
Convén suliñar que a destacada contribución da central de carbón das Pontes á emerxencia climática non rematou en outubro de 2023, cando deixou de producir electricidade. Dada a longa permanencia do CO2 na atmosfera, o seu impacto climático negativo durará décadas e mesmo séculos.
A que foi a maior central eléctrica española deixou un legado de crise climática que se continuará a manifestar, por exemplo, en forma de vagas de calor máis intensas ou lumes forestais máis devastadores.
A voadura das torres de refrixeración supón un paso importante no necesario proceso de desmantelamento da que foi unha das industrias máis contaminantes de Europa. Resta aínda por voar a cheminea, que podería conservarse como testemuña do pasado industrial.
No caso de ficar en pé a cheminea, a plataforma Galiza Sen Gas pide que se utilice tamén para facer memoria da pesada herdanza de cambio climático que nos deixa a central de carbón das Pontes e, por extensión, toda a industria enerxética fósil.
A outra central eléctrica fósil das Pontes sen peche programado
O desmantelamento da central de carbón das Pontes non significa o fin da produción eléctrica fósil neste municipio da provincia da Coruña. A carón do espazo que ocupou a central de carbón érguese unha central de ciclo combinado a gas fósil, tamén propiedade de Endesa, operativa desde 2007.
A pesar de ser menos contaminante que a central de carbón, actualmente a central de gas fósil das Pontes é o segundo maior foco emisor de CO2 causante de cambio climático en Galicia, só atrás da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña.
A plataforma Galiza Sen Gas demanda que, tanto a central de gas fósil das Pontes como a de Sabón, operada por Naturgy, pechen antes de 2030. Para iso é necesario aumentar a potencia renovábel e a capacidade de almacenamento, amais de emprender importantes medidas de eficiencia e suficiencia reducindo a demanda enerxética.
Nota
- Estímase que a central de carbón das Pontes xerou un total de 350 millóns de MWh ao longo da súa vida. Considerando un factor de emisión de 0,95 toneladas de CO2/MWh, o usado actualmente por Rede eléctrica, a súa produción tería suposto un total acumulado de emisións á atmosfera de 332,5 millóns de toneladas de CO2.