“Galiza, un futuro sen carbón” pide a Teresa Ribera que rexeite a co-combustión de carbón e residuos orgánicos na central das Pontes e acelere o Convenio de Transición Xusta

Publicado por Galiza sen gas o


(28 de xullo de 2020). A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” enviou a finais de xuño unha carta a Teresa Ribera, vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, pedíndolle que acepte a solicitude de peche da central de carbón das Pontes, de forma que cese a súa actividade no segundo semestre de 2021, como pediu a empresa.

Asemade, demandamos á vicepresidenta cuarta do Goberno estatal que acelere a elaboración do Convenio de Transición Xusta para a área de influencia socioeconómica da central (1).

A co-combustión de carbón e materia orgánica non é unha alternativa de futuro

Desde a plataforma rexeitamos a co-combustión de carbón e residuos orgánicos como opción de futuro para un ou máis dos catro grupos desta central.

A queima dunha mestura de carbón e residuos orgánicos (denominados “biocombustíbeis”) alongaría o uso do carbón na nosa terra e suporía, de feito, a creación dunha segunda SOGAMA. Cada un dos catro grupos da central das Pontes ten unha potencia duns 350 MW. A capacidade de produción eléctrica da central de carbón de Meirama, que vén de deixar de operar, ascendía a uns 550 MW, mentres a da incineradora de SOGAMA é de 50 MW.

A co-combustión de carbón e residuos nada ten a ver nin coa transición enerxética nin coa economía circular. É simplemente un intento desesperado de estirar a agonía do carbón, o combustíbel fósil máis contaminante e prexudicial para o clima. 

Se a opción da co-combustión con materia orgánica avanza, a das Pontes sería a única central española na que Endesa seguiría queimando carbón.

Para ningunha outra central de carbón española (e posibelmente de Europa, segundo a propia Endesa) se contempla a co-combustión de carbón e outros combustíbeis. Na súa carta a Teresa Ribera, a plataforma afirma que “talvez só a cesión ás presións recibidas desde unhas institucións galegas que sempre apostaron polo carbón poida explicar o seu aparente apoio a unha opción que, sen embargo, non se formulou desde esa Vicepresidencia para a outra central de carbón para a que Endesa solicitou o peche xunto coa das Pontes, a de Litoral de Almería”.  

Pedimos transparencia sobre as novas probas de co-combustión

Endesa afirmou que, se os resultados das probas de co-combustión son “satisfactorios”, retirará total  ou parcialmente a solicitude formal de peche da central, presentada o 27 de decembro de 2019.

Durante este verán vanse levar a cabo novas probas, cuxo inicio está programado para finais deste mes (2).

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” pide á vicepresidenta “que se fagan públicos os resultados das novas probas previstas”. Os das primeiras, efectuadas en 2019, caracterizáronse por unha absoluta falta de transparencia. A plataforma solicitou sen éxito os resultados ao Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), adscrito á Vicepresidencia para a Transición Ecolóxica, e que fixo un seguemento das probas. 

“Galiza, un futuro sen carbón” finaliza a súa carta sinalando que “a queima de carbón e de residuos orgánicos (segundo algunhas informacións de prensa recentes mesmo se fala de queimar compost!), parécenos indiferente se por separado ou en mesturas, non  forma parte dunha verdadeira transición enerxética. Ao noso xuízo, esta debe asentarse no abandono o antes posíbel do uso de combustíbeis fósiles (comezando polo carbón), nunha forte redución do consumo de enerxía en todos os sectores e no despregue das enerxías renovábeis, de forma respectuosa coa biodiversidade e con protagonismo cidadán”.

A era do carbón pódese dar por rematada en España

Tras o recente anuncio de EDP do abandono do carbón nas últimas térmicas de Asturias, a era do carbón pódese dar por rematada en toda España. Xa non hai marcha atrás e a única saída posíbel é autorizar todas as solicitudes de peche en proceso e traballar por alternativas sustentábeis e viábeis, que en ningún caso poden incluír a queima de carbón en ningunha proporción.

Notas

  1. A día de hoxe, aínda non deu comezo o proceso de participación pública para a elaboración do Convenio. Máis información en: https://www.miteco.gob.es/es/transicion-justa/default.aspx.
  2. Segundo o director territorial de Endesa, probaranse “dos mezclas de carbón y biomaterial de la empresa Agroamb. Hemos adquirido 20.000 toneladas de biocombustible de Agroamb y 8.000 toneladas de carbón bituminoso kazajo necesario para una de las dos mezclas acordadas”. Declaracións recollidas no Diario de Ferrol (https://www.diariodeferrol.com/articulo/comarcas/miguel-temboury-ofrecemos-nuestra-capacidad-sustituir-renovables-potencia-termica-pontes/20200720011302284822.html).