Eleccións galegas: pedimos aos partidos a fin das térmicas, unha transición xusta e máis ambición climática
(5 de xuño de 2020). A plataforma ‘Galiza, un Futuro sen carbón‘ leva tempo traballando como nodo galego da plataforma europea Europe, Beyond Coal, que procura o peche ordenado das centrais térmicas de carbón, cunha transición xusta.
Por mor das vindeiras eleccións galegas do 12 de xullo, a Plataforma vén de trasladarlles dúas demandas moi concretas aos principais partidos que concorrerán ás mesmas. Agardamos que poidan facer súas esas demandas, como primeiro paso para abordar con ambición a necesaria loita contra o meirande problema do noso tempo, o cambio climático.
- Apoiar a solicitude de peche de Endesa para a central de carbón das Pontes (no segundo semestre de 2021) e rexeitar totalmente a co-combustión de carbón e lodos de depuradora ou calquera outro tipo de residuos orgánicos como alternativa para a continuidade desta central máis alá de 2021. Xunto con Endesa e o resto das Administracións, a Xunta colaborará na implementación dun Convenio de Transición Xusta para a área de influencia socioeconómica da térmica das Pontes.
- Aumentar a ambición da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía de forma que procure un obxectivo de redución das emisións territoriais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) do 65% en 2030 con respecto a 1990, para acadar a meta de emisións netas cero en 2040. Para contribuír a esa meta, a política enerxética autonómica procurará un sector eléctrico 100% renovábel en 2030, a máis tardar. Con esa finalidade, promoverase o peche das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa), unha forte redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis, de forma respectuosa coa natureza e con protagonismo da cidadanía.