As emisións de CO2 das centrais de carbón galegas diminuíron o 75,2% en 2019

Publicado por Galiza sen gas o

(29 de abril de 2020). As emisións de dióxido de carbono (CO2) das centrais de carbón situadas no noso país caeron o 75,2% en 2019 con respecto a 2018, baixando de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas (t). Isto provocou que as emisións territoriais totais de Galicia se sitúasen no nivel máis baixo desde, cando menos, 1990.

A central de carbón das Pontes (Endesa) emitiu 2,3 millóns de t, fronte aos 7,9 millóns de 2018. Maior aínda foi a redución na central de Meirama (Naturgy), que baixou a súa achega á emerxencia climática desde 2,2 millóns de t en 2018 a 0,2 o ano pasado (1).

Esta caída das emisións de CO2, o principal Gas de Efecto Invernadoiro (GEI) causante da crise climática, foi motivada pola diminución nun 71,6% da produción eléctrica con carbón (2). A suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións restou competitividade ao carbón fronte aos ciclos combinados a gas natural, menos intensivos en emisións de CO2.

A diminución das emisións de CO2 das térmicas de carbón en Galicia foi paralela á rexistrada en toda a UE, aínda que superior tanto á media europea (-24,3%) como á española (-59,4%) (3). Isto seguramente terá aproximado as emisións de GEI por habitante de Galicia á media da UE. Por causa da elevada xeración eléctrica con carbón, a achega por habitante de Galicia á crise climática foi moi superior á media da UE durante os últimos anos (4).

O descenso da produción con carbón non foi compensado polas renovábeis

A caída na produción das centrais de carbón en 2019 non foi compensada pola produción de máis electricidade renovábel senón polo descenso no consumo e na exportación neta de electricidade e máis polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

Os factores anteriores provocaron unha forte diminución das emisións totais de CO2 das centrais térmicas (carbón máis ciclos combinados) e, por conseguinte, do impacto sobre o clima global da produción eléctrica galega. Este descenso terá levado a unha caída sen precedentes das emisións territoriais totais de GEI de Galicia, situándoas no nivel máis baixo desde 1990. Este feito demostra que o peche das xa innecesarias centrais de carbón é, de lonxe, a mellor medida ao noso alcance hoxe para reducirmos drasticamente as emisións galegas de GEI.

En 2019 superouse o obxectivo de redución das emisións das térmicas proposto pola Xunta para 2030

Lamentablemente, o Goberno galego teima en minusvalorar a emerxencia climática e en defender o carbón. Por iso, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) carece de ambición. Así, en 2019 ficou amplamente superado o seu obxectivo de recorte das emisións das centrais térmicas (carbón e ciclos combinados) para 2030, fixado nun 54,3% a respecto de 1990. Porén, en 2019, a redución xa atinxiu o 72,2%.

Por suposto, a falta de compromiso climático da Xunta non se limita ao sector eléctrico. Aínda que os datos oficiais das emisións totais de Galicia en 2019 non se coñecerán até 2021, semella que non serán moi superiores ás que a EGCCE propón como obxectivo para 2030, isto é, 22 millóns de toneladas. E todo indica que, debido á crise económica desencadeada pola Covid-19, as emisións caerán por debaixo desta cifra durante o presente ano.

A central de carbón das Pontes é a industria galega con maior impacto climático

Malia a baixada da súa actividade, a central térmica de carbón das Pontes (Endesa) volveu ser, con diferenza, a industria que máis contribúe á crise climática desde a nosa terra. Endesa manifestou a súa intención de pechar esta fábrica de cambio climático no segundo semestre de 2021, mais Xunta, Goberno estatal e Parlamento autonómico presionan para que alongue máis a súa vida mediante a co-combustión de carbón e residuos orgánicos ao 50%, mantendo activos cando menos parte dos seus catro grupos.

As dúas centrais de carbón e os dous ciclos combinados figuran entre as seis industrias do noso país con maiores emisións de CO2 e, polo tanto, con maior impacto climático.

En comparación con anos anteriores, Endesa segue a ser a empresa responsable do maior volume de emisións directas de CO2. Naturgy, que pechará a central de carbón de Meirama en 2020, foi desprazada da segunda posición por Alcoa.

Notas

(1) Segundo os datos de emisións verificadas no marco do mercado europeo de emisións e publicados pola Comisión Europea. Dispoñibles en https://ec.europa.eu/clima/policies/ets/registry_en#tab-0-1. Ademais de CO2, as centrais de carbón emiten moitos outros contaminantes, pero as emisións de CO2 son as que provocan cambio climático. 

(2) Máis información sobre a produción eléctrica galega durante 2019  en https://unfuturosencarbon.org/a-xeracion-electrica-con-carbon-caeu-o-761-en-galicia-durante-2019/

(3) https://twitter.com/EurBeyondCoal/status/1248201748843544576?s=20

(4) En 2017, último ano con datos oficiais para as emisións totais de GEI en Galicia, as nosas emisións por habitante ascendían a 11,2 t, fronte a 7,7 en España e 8,8 na UE.


4 comentarios

O Movemento Galego polo Clima tamén pide o peche da central de carbón das Pontes en 2021 - Un futuro sen carbón · 19 Xuño, 2020 ás 7:49 a.m.

[…] a forte caída da súa actividade, a central de carbón das Pontes volveu a ser en 2019 a industria galega con maiores emisións de di…, o principal Gas de Efecto Invernadoiro […]

Pecha a central de carbón de Meirama! - Un futuro sen carbón · 29 Xuño, 2020 ás 8:31 a.m.

[…] o informe Last Gasp: The coal companies making Europe sick, a polución da térmica de Meirama causou 55 mortes prematuras e uns custos sanitarios por […]

A plataforma Galiza, un Futuro sen Carbón, celebra o peche da central das Pontes - 21 Noticias · 20 Xaneiro, 2021 ás 11:20 a.m.

[…] A central de carbón das Pontes emitiu 2,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) en 2019 (último ano con datos), fronte a 7,9 millóns en 2018. Aínda así foi a industria […]

Victoria: Endesa anuncia o peche da central de carbón das Pontes! - Un futuro sen carbón · 15 Marzo, 2021 ás 4:43 p.m.

[…] A central de carbón das Pontes emitiu 2,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) en 2019 (último ano con datos), fronte a 7,9 millóns en 2018. Aínda así foi a industria galega con maiores emisións, por diante de Alcoa San Cibrao e da refinaría de Repsol. Máis información en:  https://unfuturosencarbon.org/as-emisions-de-co2-das-centrais-de-carbon-galegas-diminuiron-o-752-en-… […]

Os comentarios están cerrados.