As institucións galegas teiman en apoiar o carbón

Publicado por Galiza sen gas o

(17 de setembro de 2019). A plataforma “Un futuro sen carbón” lamenta o apoio teimudo de Xunta, Parlamento, Deputación da Coruña e Concellos da súa área de influencia, ao mantemento da actividade da central de carbón de Endesa nas Pontes, unha das 20 maiores fábricas europeas de crise climática.

A posición das institucións galegas é climaticamente irresponsábel e, ademais, está condenada ao fracaso, dada a orientación da política enerxética da UE. O que cómpre é acordar un peche planificado e rápido, acompañado de medidas de transición xusta que non deixen desprotexidos os traballadores e as traballadoras.

Parlamento e Deputación da Coruña volven apoiar o carbón

No pleno do 11 de setembro pasado, o Parlamento galego, co voto favorábel de PP, PSOE e BNG e o voto en contra dos grupos Común da Esquerda (Anova, EU, Podemos) e En Marea, volveu aprobar unha iniciativa a favor da central de carbón das Pontes, demandando desta vez ao Goberno do Estado axudas e exencións fiscais para a electricidade xerada con carbón, o combustíbel máis sucio. Mesmo pediu “unha retribución específica” para a queima de biomasa forestal na central, o que sen dúbida favorecería a eucaliptización.

Porén, a proposición aprobada non incluíu ningunha medida para protexer os traballadores e traballadoras ante a caída da produción das centrais de carbón durante os últimos meses, motivada pola suba do prezo da tonelada de CO2 no mercado europeo de emisións (1). 

Desde 2008, todo o carbón queimado nas centrais galegas é importado (de Indonesia, Colombia, Rusia,…). Isto aumentou a deterioración ambiental externa causada pola economía galega

Dous días despois, o pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou unha moción presentada polo Goberno provincial (PSOE e BNG) e apoiada polo PP, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica, que reitera as demandas do Parlamento galego ao Goberno estatal e ademais reclama á UE que evite “especulacións no mercado europeo de CO2” (2). Un mercado creado a escala da UE en 2005 que, agás en contados períodos como o actual, ten sido ambientalmente ineficaz, mesmo á hora de desincentivar industrias extremadamente intensivas en emisións como as centrais de carbón. 

Os anos do carbón están contados, pero cada ano conta moito

As pretensións iniciais de prorrogar a vida da central de carbón das Pontes até 2045 eran pura fantasía trumpiana. Nin sequera semella realista que poida funcionar até 2030. Os anos da térmica de carbón das Pontes están contados, pero cada ano importa moitísimo en tempos de emerxencia climática, dado o descomunal impacto climático desta central, equivalente ao de países enteiros como Uruguai (3), e que non mitigará a adaptación á DEI (4).

En lugar de insistir en defender o indefendíbel, o intelixente e responsábel é planificar adecuadamente o peche dunha industria que deixa xa unha enorme herdanza de destrución ambiental dentro e fóra de Galicia acumulada nos seus 40 anos de vida.

Peche negociado e planificado e transición xusta

Desde a plataforma propoñemos unha negociación, coa participación de Endesa, Goberno estatal, Xunta e sindicatos, para acordar o peche planificado e pactado da central de carbón das Pontes nos próximos anos, a máis tardar en 2025.

A clausura da central deberá acompañarse con medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas Pontes e a súa contorna, no marco dun Convenio de Transición Xusta, figura prevista xa no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima do Goberno estatal (5).

Notas

  1. http://www.parlamentodegalicia.es/Actualidade/2969/proposicions-non-de-lei-aprobadas-polo-pleno-do-parlamento-de-galicia-o-11-de-setembro-de-2019/.
  2. https://www.dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=4365.
  3. Este e moitos outros datos, debidamente referenciados, sobre o impacto ambiental intra e extraterritorial da central de carbón das Pontes pódense consultar no noso informe “O prezo do carbón”, en https://unfuturosencarbon.org/o-prezo-do-carbon/.
  4. Directiva de Emisións Industriais. Non afecta as emisións de CO2 causantes de cambio climático, senón ao dióxido de xofre e aos óxidos de nitróxeno. Endesa está a investir na adaptación da central aos estándares da DEI que se lle aplicarán a partir de xullo de 2020, logo de 4 anos e medio de exención. Pero mesmo despois da adaptación seguirá a ser un foco importante de contaminación tóxica, sobre todo na medida en que manteña unha produción similar ou superior á dos últimos anos. 
  5. A negociación desenvolvida nas Illas Baleares para o peche progresivo da central de carbón de Es Murterar, tamén propiedade de Endesa, pode ser un bo exemplo a considerar. (http://iidma.org/index.php/es/baleares-planta-cara-al-cambio-climatico-con-un-acuerdo-entre-govern-Endesa-y-gobierno-central-para-acabar-con-el-carbon/).

1 comentario

O Parlamento galego teima na irresponsábel defensa da central de carbón das Pontes - Un futuro sen carbón · 3 Febreiro, 2020 ás 10:02 a.m.

[…] Este acordo súmase a outro adoptado o 11 de setembro de 2019, tamén cos votos a favor de PP, PSdG-PSOE e BNG, no que se pedían axudas e exencións fiscais estatais á queima de carbón e biomasa forestal na central das Pontes, …. […]

Os comentarios están cerrados.