Esixen unha desgasificación compatíbel cos dereitos humanos

Publicado por Galiza sen gas o

A rede estatal Gas non é solución enviou unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, solicitando medidas urxentes para reducir a dependencia española do gas fósil e asegurar unha transición enerxética xusta e sustentábel a nivel español e global.

No documento, que a plataforma Galiza sen gas apoia, ínstase ao Goberno español a cumprir cos obxectivos de redución do consumo de gas establecidos pola Unión Europea e a prohibir a importación de gas procedente de países que violan sistematicamente os dereitos humanos.

Diminución insuficiente do consumo en España

No cadro da resposta á invasión de Ucraína por Rusia, a Comisión europea propuxo aos estados membro unha redución voluntaria do 15% no consumo de gas con respecto á media anual de 2017-2022, recorrendo a medidas da súa elección.

Entre agosto de 2022 e marzo de 2023 atinxiuse unha redución do 18% no conxunto da UE-27. Mais en España o descenso do consumo foi dun 10%.

Entre abril de 2023 e marzo de 2024 o consumo tamén se mantivo un 18% por debaixo do período de referencia na UE-27. E en España tamén baixou menos: o 13%.

Segundo a Comisión Europea, o plan de España carece de medidas claras e detalladas para garantir a redución estrutural da demanda de gas fósil.

Aínda non se dispón publicamente de datos referidos a Galicia posteriores a 2022, ano do máis recente Balance enerxético elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Tampouco se coñecen datos para o consumo mensual.

Os datos dispoñíbeis sinalan un aumento do 10% no consumo galego de gas fósil en 2022 con respecto á media anual do período 2017-2022. A causa foi a maior utilización das centrais eléctricas de ciclo combinado de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa), perante a seca e o estancamento da potencia renovábel, e a pesar do descenso do consumo de electricidade e de enerxía en xeral.

A rede Gas Non É Solución salienta a urxencia de estabelecer políticas coherentes que promovan a redución do consumo enerxético e material e as enerxías renovábeis, de forma planificada, dimensionada e garantista da protección dos espazos naturais.

Dependencia de Rusia e outros réximes autoritarios

Desde a aprobación do Plan REPowerEU, a proporción de gas ruso nas importacións da UE diminuíu do 40% en 2021 a un 8% en 2023. Con todo, a subministración de gas natural licuado (GNL) ruso a Europa aumentou un 11% no mesmo período.

En Galicia, Rusia converteuse nos últimos anos no principal fornecedor de GNL. A través da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos importamos GNL procedente da península de Yamal, en Siberia.

Planta de licuefacción de Yamal (Rusia) principal orixe do gas importado por Galicia en 2023.

Na súa présa por diversificar a subministración de gas, a UE non dubidou en recorrer a réximes autoritarios, ignorando as violacións de dereitos humanos. É o caso de Acerbaixán e do Memorando de Entendemento asinado con Israel e Exipto para a subministración de gas israelí, que vulnera os dereitos do pobo palestino.

Non podemos seguir apoiando réximes autoritarios que vulneran os dereitos humanos e ambientais só para satisfacermos as nosas necesidades enerxéticas. É hora de que o goberno actúe con coherencia e responsabilidade.

Marina Gros, portavoz de Ecoloxistas en Acción.

Impacto socioambiental das nosas importacións de gas

Historicamente, España e a UE realizaron acordos de compra de gas con países que violan sistematicamente os dereitos humanos e ambientais, como Alxeria, Nixeria e Qatar. Países subministradores de gas a Galicia, por gasoduto e/ou en barcos metaneiros.  En particular, Alxeria reprimiu violentamente os protestos das comunidades afectadas pola explotación de gas fósil.

Entre 2021 e 2023 as importacións de GNL procedente de Estados Unidos (EEUU) por parte da UE triplicáronse. No caso de Galicia,  EEUU foi, despois de Rusia, o segundo país de orixe dos metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2023, despois de Rusia.

É inadmisíbel que mentres prohibimos o fracking no noso territorio polos seus impactos devastadores, esteamos a importar gas extraído mediante esta técnica desde Estados Unidos. Esta hipocrisía debe terminar xa.

Ismael Morais, portavoz  de Fundación Renovables.

Non ás importacións de gas de fracking e de países que violan os dereitos humanos

Gas non é solución e Galiza sen gas, alén de reclamaren máis ambición na diminución da demanda gasista, pedimos a prohibición da importación e reexportación de gas fósil de países en conflito e que violan os dereitos humanos, como Israel, Rusia, Acerbaixán e Alxeria.

Tamén a prohibición da importación de gas extraído mediante fracking, o máis nocivo socioambientalmente.

Carta envíada ao Goberno

Carta_Prohibicion-GNL_Ribera