2023 ten que ser o ano da fin definitiva da queima de carbón en Galicia

Publicado por Galiza sen gas o

(14 de febreiro de 2023). A produción eléctrica con carbón medrou un 87% en Galicia durante 2022, aínda que só achegou un 4% do total da electricidade producida. A plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón lamenta esta repunta da xeración con carbón e  reclama o peche total e desmantelamento da central de carbón de Endesa nas Pontes en 2023.

En setembro do ano pasado, e case tres anos despois da solicitude presentada por Endesa, o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou o peche de dous dos catro grupos da central das Pontes e diferiu o dos outros dous, baseándose nun informe da empresa operadora do sistema eléctrico que non se quixo tornar público, malia a petición expresa das organizacións integrantes de Galiza, Un Futuro sen Carbón.

A día de hoxe descoñécese até cando se prolongará esta insólita situación de peche diferido da metade da central de carbón das Pontes.

Galicia xa é o único territorio da Península Ibérica onde Endesa se ve obrigada a queimar carbón. En Galicia xerouse o 11% da electricidade producida con carbón en España durante 2022.

O atraso na transición enerxética favorece o carbón e o gas fósil

A elevada vulnerabilidade do sistema eléctrico a secas como a sufrida o ano pasado e máis o atraso na transición enerxética son causas de fondo do recuar na descarbonización do sector eléctrico galego en 2022. Sen a acción destes factores tanto a nivel galego como peninsular, a central de carbón das Pontes xa estaría pechada e a produción dos ciclos combinados galegos non tería igualado en 2022, con prezos disparados do gas fósil, o seu máximo histórico de 2008.

A repunta na produción eléctrica con carbón é unha mala noticia, mais non cabe falar, nin moito menos, de regreso ao carbón. Este pasou de achegar uns 9.500-11.000 GWh/ano e un 30-40% da produción galega en 2015-2018 a menos de 900 GWh e un 4% en 2022.

 

 

O uso do carbón na produción de electricidade caeu a partir de 2019 debido ao aumento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións.

Aumentaron as emisións asociadas á produción eléctrica

Como consecuencia do incremento da actividade da central de carbón das Pontes e das centrais de ciclo combinado a gas fósil, as emisións de gases causantes de cambio climático asociadas á produción eléctrica galega volveron aumentar en 2022, despois de tres anos consecutivos de descensos. Un paso atrás especialmente lamentábel dado o carácter estratéxico da descarbonización da produción eléctrica.

 

 

Debido á caída da produción eléctrica con carbón e ao decrecemento económico inducido pola COVID-19, as emisións galegas de gases de invernadoiro reducíronse un 35,9% en 2020 en comparación con 1990, segundo os datos oficiais máis recentes.

-65% de emisións de gases de invernadoiro en 2030

Na presente década as emisións de gases de invernadoiro deberían diminuír polo menos até un 65%, obxectivo que a plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón pide que asuma a futura Lei do Clima de Galicia, que está a preparar a Consellería de Medio Ambiente.

Para lograrmos un recorte das emisións de gases causantes de cambio climático do 65% en 2030 resulta fundamental desfosilizar o sector eléctrico antes de 2030, o que non prevé nin a Axenda enerxética de Galicia 2030 nin a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Finalmente, as organizacións integrantes da Plataforma Galiza Un Futuro Sen Carbón, solicitan á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que abra un proceso amplo de participación pública para a prometida Lei do Clima de Galicia, con consultas a tódalas partes interesadas e previo á presentación do texto, pois dada a súa importancia considera insuficiente o clásico e curto período de alegacións que adoita acompañar este tipo de procesos, que ademais non se adoitan responder.

 


1 comentario

A central de gas das Pontes foi a maior fábrica galega de cambio climático en 2022 - Un futuro sen carbón · 21 Xullo, 2023 ás 10:53 a.m.

[…] Desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” agardamos que en 2023 peche definitivamente a…. […]

Os comentarios están cerrados.