Un novo disparate ecolóxico: facer da central de carbón das Pontes unha nova incineradora

Publicado por Galiza sen gas o

(3 de novembro de 2020). Este mes conclúen as novas probas de queima conxunta de carbón e residuos orgánicos na central de carbón de ENDESA nas Pontes. A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, que as ve como un intento de perpetuar o gran centro de produción de electricidade sucia das Pontes, reclama transparencia verbo dos seus resultados á empresa e ás institucións.

Independentemente dos resultados das probas, é incuestionable a irracionalidade ecolóxica de querer facer da central de carbón tamén unha incineradora de residuos orgánicos (lodos de depuradoras de augas residuais e xurros de granxas).

O engano dos “biocombustibles”

Segundo ten trascendido, nas probas de co-combustión na térmica das Pontes empréganse mesturas de carbón (importado de Kazaxistán) e de residuos orgánicos en diferentes proporcións. Inicialmente probouse unha mestura de carbón ao 70% e residuos orgánicos ao 30%. Despois as porcentaxes foron do 60 e 40% e finalmente igualáronse (1).

Fica claro pois que a alternativa da co-combustión, denominada enganosamente dos “biocombustibles”, implicaría a continuidade da queima de grandes cantidades de carbón, o combustible fósil máis contaminante. 

A das Pontes é a única central de carbón de España, e talvez do mundo, para a que se contempla a posibilidade da co-incineración de residuos como falsa solución socioambiental. E, ao que todo apunta, iso non é debido tanto á iniciativa da propia Endesa como á presión exercida pola Xunta, o Parlamento (co respaldo dos tres partidos que o conforman hoxe) (2), do Concello das Pontes e dos sindicatos maioritarios.

Por se  non abondase cos apoios galegos, a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica do Goberno estatal tamén amosou o seu apoio á co-combustión, malia supoñer unha “transición ecolóxica cara atrás” (3).

Transición xusta non é seguir queimando

A ferreña resistencia política e sindical ao fin da insustentable queima de carbón na nosa terra está a chegar a límites inconcebibles, ao apostar por opcións ambientalmente disparatadas que distraen da urxente implementación dunha auténtica transición xusta que non deixe atrás tampouco aos traballadores das auxiliares de ENDESA e aos camioneiros.

Cando a mobilización social en defensa do clima liderada pola mocidade obriga a agochar posicións trumpianas,  as institucións e axentes sociais defensores do carbón poñen a tope a maquinaria do lavado verde presentándonos o que non é máis que proseguir a queima de carbón, agora tamén con residuos, como un exemplo de economía circular e transición enerxética xusta. Cando é exemplo evidente e notorio de todo o contrario.

Un enorme centro de xeración de electricidade sucia

A co-incineración de residuos orgánicos, no caso de ser económicamente rendible para ENDESA, suporía a continuidade indefinida dun ou dous dos catro grupos que forman a central de carbón das Pontes, cada un deles cunha potencia de 350 MW. 

ENDESA consolidaría así un enorme centro de xeración de electricidade sucia e cambio climático, integrado, ademais de por unha central de carbón-incineradora de residuos orgánicos de 350-700 MW, pola veciña central de ciclo combinado a gas natural, de 800 MW, operativa desde 2008. A potencia da central de carbón de Meirama, pechada en xuño pasado, era de 550 MW, mentres que a da incineradora de SOGAMA é de 50.  

Notas

1.A información sobre as mesturas utilizadas procede de membros do comité de empresa da central de carbón das Pontes, citados en  https://www.elcorreogallego.es/galicia/inquietud-en-endesa-as-pontes-IC4994930.

2. https://unfuturosencarbon.org/o-parlamento-galego-teima-na-irresponsabel-defensa-da-central-de-carbon-das-pontes/.

3. Nun comunicado divulgado o mesmo día en que Endesa anunciou a solicitude formal de peche da central de carbón das Pontes, o 27 de decembro de 2019, o Ministerio para a Transición Ecolóxica declarou confiar “no resultado positivo das probas que permitirán manter activos dous grupos da planta con co-combustión de biomasa”. Este comunicado está dispoñible en https://www.miteco.gob.es/es/prensa/ultimas-noticias/el-ministerio-para-la-transici%C3%B3n-ecol%C3%B3gica-velar%C3%A1-por-el-cumplimiento-de-los-compromisos-empresariales-con-los-trabajadores-en-as-pontes-y-carbo/tcm:30-506027.