Que din os programas para as eleccións galegas sobre un futuro sen gas fósil?
(9 de febreiro de 2024). Analizamos os programas electorais de PP, BNG, PSdG-PSOE, Sumar e Podemos no tocante aos obxectivos de redución das emisións de gases de invernadoiro e ao papel do gas fósil no sistema enerxético. En maior ou menor medida, todos os partidos deben elevar a súa ambición climática. Para iso, cómpre abandonarmos o gas fósil antes de 2035, o que ningún partido defende.
Previamente á elaboración dos seus programas electorais, a plataforma Galiza sen gas dirixiuse ás principais candidaturas ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro solicitándolles que incorporasen os obxectivos para un futuro sen gas fósil (tamén chamado gas natural) recollidos no noso manifesto fundacional.
Que no noso país se deixe de queimar gas fósil antes de 2035 non depende só da Xunta. De feito, abandonamos de vez o carbón en outubro pasado, con enormes beneficios climáticos, a pesar de que a Xunta e os principais partidos políticos galegos tentaron alongar aínda máis o seu uso na produción de electricidade.
Nas anteriores eleccións autonómicas ningunha das candidaturas que obtivo representación no Parlamento defendeu nos seus programas o fin do carbón e obxectivos climáticos ambiciosos.
Con todo, o labor da Xunta, exercendo as súas propias competencias ou influíndo sobre outras institucións, é fundamental á hora de combatermos desde a nosa terra a emerxencia climática global, para o cal o máis prioritario é eliminarmos o antes posíbel o uso de enerxía fósil, causante dun 70% das emisións territoriais galegas de gases de efecto invernadoiro.
Despois de prescindirmos do carbón, o seguinte combustíbel fósil que podemos e debemos deixar atrás é o gas fósil.
Ambición climática insuficiente
Esta década é crítica para evitarmos os peores efectos da crise climática. En Galicia deberiamos atinxir unha redución das emisións de gases de invernadoiro de polo menos -65% en 2030 con respecto a 1990. Hoxe están en -34%.
Ningún partido se compromete con este obxectivo aínda que Sumar defende no seu programa o -55%, meta que coincide coa asumida pola Xunta no actual mandato, aínda que só declarativamente, pois non actualizou a súa nada ambiciosa Estratexia de Enerxía e Clima 2050.
O PP, BNG e PSdG-PSOE non inclúen no seu programa ningún obxectivo de redución das emisións para 2030. Podemos propón -70%, mais só para o dióxido de carbono (CO2) e en 2034.
Tomando como referencia un horizonte máis distante, 2040, o compromiso é maior, pois PP, Sumar e Podemos pretenden que Galicia sexa climaticamente neutra (emisións brutas menos absorcións igual a cero). Mais BNG e PSdG-PSOE non se refiren á neutralidade climática.
Centrais eléctricas de ciclo combinado (gas fósil) sen fin á vista
Ningunha candidatura aspira a unha produción eléctrica 100% renovábel antes de 2030, algo imprescindíbel para atinxirmos un recorte de polo menos o 65% nas emisións no que resta de década.
O logro dunha electricidade 100% renovábel implicaría pechar nos próximos anos as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa), ás que os programas electorais nin sequera fan referencia, malia seren dúas das maiores fábricas de cambio climático situadas no noso país.
Repítese o acontecido na campaña das eleccións autonómicas de xullo de 2020. Ningún dos partidos que se volven presentar agora quixo defender daquela o peche da central de carbón das Pontes antes de 2025 (1). O mesmo sucede en 2024 a respecto do peche dos ciclos combinados antes de 2030.
Reganosa e a súa regasificadora fóra da campaña
A regasificadora de Mugardos é a principal vía de entrada hoxe do gas fósil consumido en Galicia, acaparado sobre todo polas centrais de ciclo combinado e a industria. Nela descárgase gas licuado de “fracking” dos EEUU ou extraído en Siberia (Rusia), transportado en barcos até Galicia. Está en mans de Reganosa, enerxética galega participada nun 30% pola Xunta.
Exceptuando Podemos, ningún partido propón o peche antes de 2030 (ou noutro ano) da regasificadora de Reganosa. Esta sería innecesaria ao final desta década se se deixase de queimar gas fósil nos ciclos combinados e se se reducise o seu consumo na industria e nos fogares, pois Galicia tamén está conectada coa rede ibérica de gasodutos (ver o gas fósil en Galicia).
No que non hai excepcións é na aceptación das importacións de gas de “fracking” (técnica de extracción prohibida en España polo seu elevado impacto) ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos, caso de Rusia. Parece que nada importan as cautelas socioambientais cando se trata de enerxía importada.
Tamén hai coincidencia entre as principais candidaturas en non apostar pola saída da Xunta do accionariado de Reganosa, enerxética galega controlada polo Grupo Tojeiro.
Sen apuro por abandonar os combustíbeis fósiles
Nos programas electorais non se propón ningún horizonte temporal para o abandono do petróleo e do gas fósil, do que deberiamos prescindir totalmente antes de 2035. Evidentemente, isto resta credibilidade aos compromisos climáticos, nos casos en que se formulan.
A definición dunha folla de ruta para a eliminación canto antes do uso de enerxía fósil sería “a proba do algodón” dunha estratexia climática galega en liña co obxectivo de non superar o límite dos 1,5ºC de quecemento global recollido no Acordo de París.
O hidróxeno verde: ameaza ou solución?
O hidróxeno verde, producido a partir de electricidade renovábel, é necesario para desfosilizar o transporte pesado ou a obtención de calor na industria.
Porén, o hidróxeno verde pode pasar de solución a problema para a nosa transición enerxética se se producir non só para o consumo interno senón tamén para a súa exportación masiva, por barco (en forma de amoníaco ou metanol) ou por tuberías, mediante a construción de hidrodutos e/ou a adaptación de gasodutos, pois iso esixiría unha sobrecapacidade de produción renovábel, cos conseguintes custos territoriais.
O hidroduto Guitiriz-Zamora, iniciativa impulsada por Reganosa e Enagás no marco do proxecto H2Med, destinaríase á exportación de hidróxeno verde cara ao centro de Europa.
Sobre a cuestión capital do papel do hidróxeno verde nada aparece nos programas de BNG, Sumar e Podemos. O PP confirma a súa política de facer de Galicia “un dos nós a nivel europeo” de produción e exportación. E o PSdG-PSOE incide no consumo interno e non menciona o hidroduto Guitiriz-Zamora, aínda que o ten apoiado publicamente.
Máis información
No seguinte documento podes ler unha análise máis completa sobre os obxectivos climáticos e o posicionamento fronte ao gas fósil nos programas do PP, BNG, PSdG-PSOE, Sumar e Podemos:
avaliacion_programas_eleccióngalegas_2024.pdf
Nota
1. Coa excepción de Equo, que se presenta agora en coalición con Sumar. A outra central de carbón, a de Meirama, xa cesara a súa actividade antes da campaña electoral, en xuño 2020.