Greenpeace denuncia violacións de dereitos humanos na extracción do carbón importado en Galicia e España

Publicado por Galiza sen gas o

(13 de decembro de 2019). A extracción do carbón importado que abastece as centrais térmicas de Meirama e As Pontes está a miúdo vencellada a desprazamentos forzados, polución, restrición do acceso á auga, persecución, criminalización ou represión do dereito á protesta.

Greenpeace España, en colaboración co Centro de Información sobre Empresas e Dereitos Humanos, vén de presentar o informe ‘Las heridas del carbón. Violaciones de derechos humanos en las importaciones españolas’ para denunciar violacións de dereitos humanos en zonas de extracción de carbón en Colombia, Indonesia, Rusia e Sudáfrica.

De Indonesia, Rusia e Colombia, por esta orde, procedeu case todo o carbón importado en Galicia entre 2014 e 2018, como se recolle no informe O prezo do carbón da plataforma Galiza, un futuro sen carbón, baseándose en datos oficiais.

Indonesia é o maior subministrador do carbón importado en Galicia
O porto de Ferrol á cabeza das descargas de carbón

Galicia é, xunto con Asturias, a comunidade autónoma española que máis carbón importa.

O de Ferrol foi o porto español onde se descargaron máis toneladas de carbón durante 2018: nada menos que 4,7 millóns, destinadas á central das Pontes e mesmo á de Meirama.

As descargas de carbón no porto da Coruña son notablemente inferiores ás do porto ferrolán (1,3 millóns de t en 2017) e destínanse ás centrais de Meirama e Compostilla (León).

Nos últimos 20 anos a maior parte da electricidade xerada nas centrais de Meirama e As Pontes procedeu de carbón importado a través dos portos de Ferrol e A Coruña. Desde 2008 só queiman carbón importado.

Dada a falta de transparencia das empresas eléctricas propietarias das centrais de carbón, non é posíbel coñecermos a cantidade e procedencia do carbón queimado en cada unha das térmicas en operación.

O carbón provoca crise climática e de dereitos humanos

“A queima de carbón é a principal responsábel de cambio climático no mundo e causa serios impactos na nosa saúde, mentres que a extracción implica custos moi elevados no ambiente e os dereitos humanos das persoas que habitan nas zonas mineiras. A crise do clima é unha crise de dereitos humanos e o carbón provoca directamente ambas as dúas”, asegurou Tatiana Nuño, responsábel da campaña de Cambio Climático de Greenpeace. 

A orixe do 86% do carbón importado en Galicia no período 2014-2018 foi Indonesia. Nos últimos 15 años, a extracción de carbón neste país aumentou exponencialmente, desencadeando un crecemento caótico na concesión de licenzas. Aproximadamente o 43% da superficie de Kalimantan Oriental, en Borneo, ten sido entregada ás empresas mineiras, segundo JATAM, unha organización ambiental con sede en Jakarta.

O carbón extraese con altos custos para a saúde, o ambiente e os dereitos humanos.
Violencia contra as mulleres

Greenpeace sinala que, en todos os casos, as mulleres adoitan sufrir de maneira diferenciada os impactos da extracción do carbón. Cómpre combater a súa invisibilización nos procesos de negociación sobre asuntos de terras e de compensacións, recoñecer o seu rol como pedra angular para o mantemento dos tecidos sociais e garantir a súa protección tanto física como psicolóxica das dinámicas sociais que perpetúan os abusos contra elas.

“Eu sufrín varias ameazas. En 2013 viñeron buscarme á casa, as miñas cadelas alertáronme e puiden agocharme. Esperáronme toda a noite e mataron as miñas cadelas antes de se marcharen. Recorrentemente lánzanme pedras sobre a casa porque queren que marche”, explica María Cristina Figueroa Bouriyu, conselleira da Organización Nacional Indíxena de Colombia.

Pechar todas as centrais de carbón antes do fin de 2025

Con este informe, Greenpeace volveu esixir ao Goberno estatal, como tamén fai a plataforma Galiza, un futuro sen carbón, que concrete unha data de peche, para non máis tarde do ano 2025, de todas as térmicas de carbón españolas. Asemade, reclama un aumento do compromiso gobernamental de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro ao 55% en 2030 con respecto a 1990, para atinxir o cero neto en 2040.


4 comentarios

O final do carbón e a transición xusta non poden esperar máis - Un futuro sen carbón · 26 Decembro, 2019 ás 12:04 p.m.

[…] A extracción do carbón importado que abastece centrais térmicas españolas como a das Pontes está a miúdo vencellada a desprazamentos forzados, polución, restrición do acceso á auga, persecución, criminalización ou represión do dereito á protesta: https://unfuturosencarbon.org/greenpeace-denuncia-violacions-de-dereitos-humanos-na-extraccion-do-ca…. […]

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2020 - ESF Galicia · 16 Xaneiro, 2020 ás 3:47 p.m.

[…] Greenpeace denuncia violacións de dereitos humanos na extracción do carbón importado en Galicia e… […]

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2020 - Ingeniería Sin Fronteras · 16 Xaneiro, 2020 ás 5:01 p.m.

[…] Greenpeace denuncia violacións de dereitos humanos na extracción do carbón importado en Galicia e… […]

A xeración eléctrica con carbón caeu o 76,1% en Galicia durante 2019 - Un futuro sen carbón · 24 Marzo, 2020 ás 7:00 p.m.

[…] Malia este desplome, a electricidade xerada con carbón aínda representou o 10% de toda a producida en Galicia (1). Todo o carbón usado en Galicia é importado, extraído a miúdo á custa de serias violacións dos dereitos humanos. […]

Os comentarios están cerrados.