Máis gas fósil de guerra e de “fracking” para Galicia

O gas natural licuado (GNL) importado por Galicia durante 2024 a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos procedeu un ano máis de forma case exclusiva de Rusia e dos Estados Unidos de América (EUA).
Rusia e os EUA substituíron nos últimos anos África como o principal subministrador de gas fósil a Galicia. Dos 23 buques metaneiros descargados na planta de regasificación de Mugardos en 2024, 15 tiveron orixe en Rusia, seis nos EUA, un en Angola e outro en Bélxica. Este posibelmente transportase tamén gas ruso, pois Bélxica actúa como un punto para a súa reexportación.
As descargas de GNL de Rusia na regasificadora de Mugardos comezaron en 2018, seguindo desde entón unha traxectoria ascendente até chegar a un máximo en 2023, con 20. A Comisión Europea vén de presentar unha proposta para acabar totalmente coas importacións na UE de gas fósil ruso a finais de 2027.
Gas de “fracking” desde os EUA
Debido a Reganosa, Galicia foi pioneira en Europa tanto na importación de gas ruso desde a península siberiana de Yamal como de gas estadounidense de “fracking”. En 2016 chegou a Mugardos un buque metaneiro procedente dos EUA, cifra que iría crecendo até chegar a nove en 2022, baixando a seis no pasado ano.
A grande maioría do gas fósil estadounidense é de “fracking”, técnica prohibida en España. Agárdase que nos próximos anos substitúa parte das importacións de gas ruso.
A regasificadora de Mugardos foi a única vía de entrada do gas fósil en Galicia durante os últimos anos. O GNL, ao requirir maior gasto enerxético, é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro e polo tanto máis prexudicial para o clima que o de gasoduto. Isto acentuarase aínda máis se medraren as importacións de gas estadounidense de “fracking”, pois esta técnica favorece as fugas de metano.
Elevado consumo galego
A maioría do gas fósil importado por Galicia destínase ao consumo interno, aínda que nalgúns anos as reexportacións, posibilitadas por Reganosa, poden ser importantes, como en 2023.
O atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase até acadar un máximo histórico en 2021-2022. En 2023, ano máis recente con datos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o consumo descendeu o 8,5% con respecto a 2023, pero foi o cuarto máis alto da serie histórica.
As centrais térmicas de gas (ciclos combinados) de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e a industria acaparan conxuntamente un 85-90% da demanda anual galega de gas fósil.
Fin do gas fósil antes de 2035
A plataforma Galiza sen gas defende o fin do uso de gas fósil na produción eléctrica antes de 2030 e no resto dos sectores antes de 2035. Obxectivos realizábeis mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma respectuosa co territorio, coa biodiversidade e con protagonismo cidadá.
Nota
Esta noticia corrixe outra previa sobre as descargas de gas fósil en Mugardos con información errada porque se utilizou a primeira versión de “El sistema gasista español. Informe 2024” difundida por Enagás na súa páxina web (https://www.enagas.es/es/sala-comunicacion/publicaciones/informe-sistema-gasista-espanol/), na que se intercambiaban os datos das descargas por orixes das regasificadoras de Sagunto e Mugardos.

Captura da táboa sobre as desgargas por orixe e plantas de regasificación incluída na primeira versión do informe sobre o sistema gasista español colgada na web de Enagás.