Reganosa contamina de xeito preocupante o aire de Mugardos

A planta de regasificación de Reganosa na ría de Ferrol, ademais de contribuír á crise climática ao actuar como vía de aprovisionamento de gas natural licuado, máis intensivo en carbono que o de gasoduto, provoca contaminación por NO2 do aire da súa contorna.
En 2023 e 2024 superáronse ou acadáronse na estación de Penedo, cuxa finalidade é avaliar a incidencia na calidade do aire da planta de Reganosa, os valores anual e diario recomendados pola Organización Mundial para a Saúde (OMS) para o contaminante dióxido de nitróxeno (NO2). Estes valores son máis estritos na defensa da saúde pública que os límites legais.
A estación de medición da calidade do aire de Penedo, situada en Mehá (Mugardos), non entrou en funcionamento até 2023, nada menos que 15 anos despois de que comezase a operar a regasificadora, polo que non existen datos para 2007-2022.

Localización da estación de medición da calidade do aire de Penedo, entre a regasificadora de Reganosa e a vila de Mugardos.
O valor medio anual da concentración de NO2 en Mugardos foi de 11 µg/m³ (microgramos por metro cúbico) en 2023 e de 10 µg/m³ en 2024 (2), superando ou igualando o recomendado pola OMS (10 µg/m³).
Ademais, o valor diario foi amplamente excedido, o que indica a existencia de picos de contaminación importantes. Houbo 43 días en 2023 e 19 en 2024 nos que se superou o valor medio de 25 µg/m³, cando a OMS recomenda que iso non aconteza en máis de 3 días ao longo dun ano.
Máis contaminación por NO2 que en Ferrol e en case todas as contornas industriais de Galicia
A contaminación por NO2 en Mugardos resulta certamente elevada para se tratar dunha zona suburbana, superando a da cidade de Ferrol e aproximándose á medida na área de influencia da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña, a maior infraestrutura enerxética fósil de Galicia.
Concentración de NO2 no aire durante 2024
Estación oficial de medición | Tipo | Localización | Valor diario
Núm días >25 µg/m³ OMS: máx=3 |
Valor anual
OMS: máx=10 µg/m³ |
Penedo (Reganosa) | Industrial suburbana | Mehá (Mugardos) | 19 | 10 |
Raíña Sofía | Tráfico urbana | Ferrol | 17 | 9 |
Centro cívico (Repsol) | Industrial suburbana | Arteixo | 8 | 8 |
Parque da Cega (Repsol) | Industrial suburbana | Meicende (Arteixo) | 46 | 13 |
Pastoriza (Repsol) | Industrial rural | Pastoriza (Arteixo) | 17 | 13 |
Fonte: Elaboración propia a partir dos datos dispoñíbeis na web sobre a Calidade do aire de Meteogalicia.
O NO2 é un dos principais contaminantes atmosféricos, sendo ademais precursor doutros contaminantes que se poden formar na atmosfera (ozono malo, partículas inferiores a 2,5 micras).
Trátase dun gas amarelento tóxico que ao se inhalar afecta os tramos máis profundos dos pulmóns. A exposición crónica mesmo a baixas concentracións de NO2 tense asociado a un incremento de doenzas respiratorias.
Polo peche da regasificadora antes de 2030
A redución da importación e o consumo de gas natural licuado é necesaria tanto para recortar a pegada climática como para mellorar a calidade do aire.
A plataforma Galiza sen gas defende o peche antes de 2030 da perigosa e contaminante regasificadora de Mugardos. Tamén o das centrais eléctricas de gas fósil (ciclos combinados) de Sabón (Arteixo) e As Pontes, ás que abastece.