Agora si! Confírmase o peche da central de carbón das Pontes

Publicado por Galiza sen gas o

(7 de maio de 2021). O delirante enredo da co-combustión de carbón e residuos orgánicos (lodos de depuradoras e xurros) como “solución de futuro” para a central de carbón das Pontes rematou de vez.

A pesar da insistencia irresponsábel das institucións e dos sindicatos maioritarios, impúxose a  inviabilidade dunha falsa solución que se quixo vender como verde.  

Mesmo despois de Endesa desistir finalmente, en xaneiro pasado, da (mal)chamada “alternativa dos biocombustíbeis”, os políticos de distinto signo que sempre apostaron polo carbón teimaron en seguir defendéndoa.  Agora veñen de rendirse á evidencia, pondo fin ao seu derradeiro intento de alongar indefinidamente a vida dunha enorme fábrica de crise climática. 

Só a decisión do Goberno estatal de obrigar a Endesa a un trámite de avaliación ambiental do desmantelamento da central máis longo do aplicado a outras centrais de carbón atrasará un pouco un peche inicialmente previsto para o próximo 30 de xuño. 

Acelerar o Convenio de Transición Xusta

Desbotada definitivamente a co-combustión de carbón e residuos, agora cómpre acelerar a elaboración e implementación do Convenio de Transición Xusta e desconectar canto antes a central.

A central de carbón das Pontes foi o maior foco galego de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e un dos principais de Europa durante as últimas décadas. Antes da  queda da súa produción pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións, representaba nada menos que un 25% do total das emisións territoriais galegas de GEI (1). 

A pesar da redución da produción e o consumo de electricidade por causa da COVID-19, a central de carbón das Pontes volveu encabezar en 2020 a lista dos grandes emisores galegos de gases causantes de cambio climático, desta vez xunto coa fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao.

O colapso do carbón baixa as emisións de GEI de Galicia un 24%

O colapso do carbón na produción eléctrica contrariou os desexos e as previsións dos Gobernos español e galego, sobre todo os deste último.

Tamén deixou en evidencia a enorme falta de ambición dos seus obxectivos de recorte de emisións para 2030, con respecto a 1990. No caso de Galicia, a baixada das emisións totais en 2019, en relación a 1990 (-23,9%) practicamente igualou o obxectivo da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía da Xunta para 2030 (-24,6%) (2).

A diminución da produción eléctrica con carbón provocou unha caída histórica das emisións de GEI de Galicia entre 2018 e 2019, o ano máis recente con datos.

Para contribuírmos a limitar o quecemento global a 1,5ºC, Galicia debería reducir as súas emisións de GEI en, polo menos, un 65% xa en 2030, en relación a 1990. Para o acadar, é urxente deixar de queimar combustíbeis fósiles na xeración de electricidade (3), mais iso non sería dabondo. Cómpre tamén adoptar rapidamente medidas contundentes noutros ámbitos como o transporte.

Notas

  1. No noso informe “O prezo do carbón” expóñense os principais custos socioambientais asociados á queima de carbón, e á central das Pontes en particular. Dispoñíbel en: https://unfuturosencarbon.org/o-prezo-do-carbon/.
  2. Segundo o inventario estatal de emisións de GEI, as emisións territoriais de Galicia caeron de 29,71 a 22,43 millóns de toneladas entre 2018 e 2019. En 1990 ascenderon a 29,45 millóns.
  3. Ademais de carbón, en Galicia tamén se queima gas fósil (gas natural) e derivados do petróleo para xerar electricidade, en centrais de ciclo combinado (As Pontes e Sabón) e/ou en decenas de centrais de coxeración de electricidade e calor vencelladas a diversas industrias.