A produción eléctrica con carbón baixou o 45,5%

Publicado por Galiza sen gas o

(25 de marzo de 2021). A achega do carbón á produción eléctrica galega diminuíu o 45,5% en 2020 con respecto a 2019, atinxindo o mínimo histórico, segundo os datos avanzados por Rede Eléctrica de España (REE) (1).

Como parte do retroceso do carbón en 2020 hai que destacar tamén o cesamento da actividade da central de Meirama (Naturgy).

A queda do carbón no mix eléctrico galego, iniciada en 2019, foi de tal magnitude que en só dous anos o carbón pasou de achegar un 30-40% da produción eléctrica, cifra semellante á media mundial, ao 5,5%. Unha participación inferior á media europea (13%), aínda que superior á española (2%).

O colapso do carbón na xeración eléctrica en Galicia non causou ningún problema de subministración nin xerou un déficit eléctrico.

Xa desde mediados da década pasada, despois da primeira vaga de desenvolvemento eólico e da construción das centrais de ciclo combinado de gas natural, a potencia instalada en Galicia posibilitaba o abandono do carbón. A pesar diso, ningún goberno quixo planificalo. Finalmente, a suba do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións está a precipitar a fin do carbón.

Fin do carbón en 2021?

Decisións empresariais e políticas adiaron innecesariamente o declive do combustíbel fósil máis contaminante e máis prexudicial para o clima. Mais 2021 pode ser o ano do abandono total do carbón importado.

Endesa vén de confirmar a súa intención de pechar, este mesmo ano, a central de carbón das Pontes, despois duns 40 anos de vida. Porén, as institucións galegas e o Goberno estatal aínda se aferran á insustentábel “alternativa” da co-combustión de carbón e residuos orgánicos (“biocombusíbeis”) para tentaren alongar a vida da única central de carbón operativa hoxe no noso país.

Desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón demandamos o peche total da central das Pontes e a aceleración da elaboración dos Convenios de Transición Xusta para as áreas de influencia socioeconómica das centrais de Meirama e As Pontes.

O gas natural está a substituír parcialmente o carbón

Se tomamos como referencia o ano 2015, e observamos os cambios na produción eléctrica por fontes no período 2016-2020, o máis rechamante é a caída da xeración con carbón nun 88% (-9.697 GWh) en 2020 a respecto de 2015. Tamén houbo descensos, aínda que moitísimo menores, na achega das centrais de coxeración (que queiman derivados do petróleo e gas natural) e da incineración de residuos .

A redución na produción eléctrica con carbón (2) foi compensada nun 35% por un aumento da xeración renovábel (+3.440 GWh).

O incremento da actividade das dúas centrais de ciclo combinado de gas natural (Sabón e As Pontes, veciña da de carbón), cubriu un 19,5% (+1.893 GWh). Estas centrais son menos intensivas en emisións de CO2 cás térmicas de carbón. Porén, non deixan de ser centrais insustentábeis de enerxía fósil.

O restante 45,5% da caída na xeración con carbón (e máis con derivados do petróleo e gas natural nas centrais de coxeración e con residuos) foi compensado pola diminución na produción total de electricidade, por causa do descenso do consumo en Galicia e das exportacións.

De non teren baixado o consumo e as exportacións e/ou con menos chuvia e vento, tería aumentado aínda máis a actividade das centrais de ciclo combinado de gas natural en 2020.

Hidráulica e eólica acaparan o aumento da produción renovábel

O 45% da suba da produción renovábel rexistrada entre 2015 e 2020 foi debida á enerxía eólica. Máis alá da variabilidade que a caracteriza, ligada á dispoñibilidade de vento, este aumento é atribuíbel tamén a un incremento da potencia instalada (+519 MW en 2015-2019).

O 48,5% do aumento da xeración renovábel correspondeu á enerxía hidráulica. Neste caso apenas foi como resultado dun aumento da capacidade de produción (+30 MW en 2015-2019), senón froito da variabilidade propia desta fonte de electricidade, dependente do volume de chuvia.

En anos con seca como 2017, a xeración hidroeléctrica pode diminuír moito, o que arrastra á baixa a xeración renovábel, dado o importante peso que aínda ten nela. E canto menor é a produción renovábel maior é a produción das centrais térmicas (carbón, ciclos combinados) para cubrir un mesmo nivel de demanda.

Só o 6,5% do incremento na produción renovábel foi debida a outras renovábeis, nomeadamente á biomasa forestal, que emite CO2. En 2020 comezou a funcionar a planta de biomasa forestal de Curtis-Teixeiro (50 MW).

A “substitución” polas centrais de carbón de Marrocos

Desde certos ámbitos difundiuse nos últimos tempos que a caída da produción con carbón no Estado español está a ser cuberta, de forma significativa, por importacións de electricidade xerada con carbón en Marrocos.

En 2020 España volveu exportar a Marrocos máis electricidade da que importou, como aconteceu en anos anteriores. Mais en 2019 houbo unha importación neta de 773 GWh (1). Simplemente considerando a baixada da produción con carbón tan só en Galicia (-7.842 GWh entre 2018 e 2019), fica clara a manipulación. Ademais, non toda a electricidade producida en Marrocos procede do carbón.

Necesitamos máis enerxías renovábeis

En 2020 a produción renovábel atinxiu 18.554 GWh, representando o 75,6% da total.

Se os problemas na garantía de subministración derivados da intermitencia das renovábeis estivesen xa resoltos, mediante a xestión da demanda e o almacenamento, poderían ter cuberto, por primeira vez nas últimas décadas, todo o consumo interno galego. A iso contribuíu a Covid-19, que diminuíu case un 6% o consumo. Unha caída inferior á do PIB, que baixou uns tres puntos máis.

Para acelerarmos a transición enerxética e lograrmos unha redución das emisións de GEI compatíbel coa limitación do quecemento global a 1,5º C, cómpre máis potencia eléctrica renovábel. Un crecemento que debería facerse de xeito distribuído, beneficioso para a maioría social e respectuoso coa natureza.

Ademais de deixar de queimar combustíbeis fósiles para xerar electricidade antes do remate da presente década, é preciso avanzar na electrificación do consumo enerxético (por exemplo, no transporte), algo necesario, en maior ou menor medida, no proceso de substituír enerxías fósiles importadas por renovábeis propias.

A necesidade de aumentarmos a potencia eléctrica renovábel será menor canto máis se limitar ou decrecer o consumo interno de enerxía final (da que a electricidade é só unha parte) e/ou a exportación de electricidade ao resto de España.

Caída histórica das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI)

O colapso do carbón supón un punto de inflexión na mitigación da emerxencia climática global desde Galicia.

No noso país, as centrais de carbón foron a maior fonte de CO2, o principal GEI, desde a década de 1980. Nos anos previos a 2019 foron responsábeis dun terzo das emisións totais, moi elevadas en termos per cápita.

Á espera de coñecermos os datos oficiais, segundo unha estimación do Observatorio da Sustentabilidade en España, o desplome da xeración eléctrica con carbón tería diminuído nun 25% as emisións territoriais galegas de GEI en 2019 con respecto a 1990 (3). O aumento da produción renovábel e os efectos da Covid-19 terán rebaixado máis as emisións en 2020.

En calquera caso, aínda estamos lonxe da redución de polo menos o 65% que deberiamos alcanzar en 2030, a máis tardar.

Notas

(1) “Avance del Informe do Sistema Eléctrico Español 2020” (https://www.ree.es/es/sala-de-prensa/actualidad/nota-de-prensa/2021/03/2020-energia-mas-verde-gracias-record-eolica-y-solar-fotovoltaica).

(2) E tamén o descenso moito menor na produción nas centrais de coxeración e na queima de residuos.

(3) “30 años de emisiones de CO2 por CCAA 1990-2019” (https://www.observatoriosostenibilidad.com/2020/12/21/radiografia-de-las-emisiones-de-co2-por-ccaa/).


3 comentarios

A central de carbón das Pontes e Alcoa son os maiores emisores de CO2 en Galicia - Un futuro sen carbón · 14 Abril, 2021 ás 6:53 a.m.

[…] A produción eléctrica nas centrais de carbón galegas diminuíu o 45,5% en 2020. Ademais, en xullo apagouse a central de Meirama (Naturgy). Como resultado da súa menor produción, as emisións de gases causantes de cambio climático das térmicas de carbón baixaron de 2,5 a 1,5 millóns de toneladas entre 2019 e 2020 (1).  […]

A central de carbón das Pontes e Alcoa son os maiores emisores de CO2 en Galicia - Verdegaia · 19 Abril, 2021 ás 7:02 a.m.

[…] A produción eléctrica nas centrais de carbón galegas diminuíu o 45,5% en 2020. Ademais, en xullo apagouse a central de Meirama (Naturgy). Como resultado da súa menor produción, as emisións de gases causantes de cambio climático das térmicas de carbón baixaron de 2,5 a 1,5 millóns de toneladas entre 2019 e 20201.  […]

A desvergoña climática de Feijoo - Un futuro sen carbón · 13 Maio, 2021 ás 11:42 a.m.

[…] 2. A perda de peso do carbón no mix eléctrico galego, iniciada en 2019, foi de tal magnitude que, en só dous anos, o carbón pasou de achegar un 30-40% da produción eléctrica galega ao 5,5% en 2020. Máis información en: https://unfuturosencarbon.org/a-producion-electrica-con-carbon-baixou-o-455/ […]

Os comentarios están cerrados.