A Estratexia de Cambio Climático da Xunta atrasaría a transición enerxética e ralentizaría a diminución das emisións
(19 de novembro de 2019). A Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) aprobada pola Xunta pretende atrasar a transición enerxética e mesmo fantasea coa extensión da vida da central de carbón das Pontes máis alá de 2030.
O apoio desesperado do Goberno galego a 17ª fábrica europea de crise climática (2018) é a maior expresión da súa irresponsabilidade climática. A Xunta desoe as demandas das históricas manifestacións polo clima celebradas en Galicia o pasado 27 de setembro.
Recortes insuficientes e serodios
A EGCCE é a resposta serodia e deficiente da Xunta ao urxente desafío climático. Confórmase cunha redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) do 24,6% en 2030 con respecto a 1990. Ignora que, tan só o peche previsto da central de carbón de Meirama en 2020 e a probábel clausura ou redución drástica da actividade da das Pontes, permitirán acadar ou superar este obxectivo insuficiente.
Sorprendentemente, a EGCCE non fai unha soa referencia á situación actual destas centrais de carbón, responsábeis nos últimos anos dun terzo das emisións totais anuais de GEI na nosa terra.
Unha estratexia que só atrasaría a diminución das emisións
Se Galicia asumise a súa responsabilidade na prevención dun quecemento global superior a 1,5ºC, debería apostar por un obxectivo mínimo de redución das emisións do 55% para 2030, e atinxir emisións netas 0 en 2040, a máis tardar. En 2030 semella factíbel un sector eléctrico sen emisións de GEI pero o Goberno galego adía este obxectivo até máis alá de 2050 (1). A plataforma “Galiza, Un Futuro Sen Carbón” defendeu as devanditas metas nas súas alegacións ao borrador da EGCCE, que a Consellaría de Medio Ambiente rexeitou e nin tan sequera contestou (2).
A decepcionante folla de ruta da Xunta para enfrontar a emerxencia climática, que pospón o maior recorte das emisións para o período 2030-2050 e limita a programación de accións ao período 2019-2023 (3), só serviría para ralentizar a diminución das emisións galegas de GEI.
A EGCCE verase axiña superada por unha realidade que avanza máis depresa do que lle gustaría a unha Xunta que confunde a transición enerxética xusta cunha transición enerxética lenta sen fin á vista.
A Xunta resístese a aceptar un declive rápido do carbón
Políticas climáticas de ámbito estatal e europeo menos timoratas que a da Xunta e decisións empresariais das eléctricas inducidas en parte por esas políticas, deixarán en evidencia nos vindeiros anos a inocuidade dunha EGCCE cuxo maior mérito é pór negro sobre branco o “trumpismo climático” de Alberto Núñez Feijóo.
O presidente da Xunta non nega a crise climática mais si a necesidade de a encarar con urxencia e contundencia. De aí a súa defensa numantina da produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante da crise climática.
A traxectoria de evolución das emisións de GEI desexada pola EGCCE, que só define obxectivos para 2030 e 2050, mesmo podería encaixar cunha irrealista prórroga da vida da central de carbón das Pontes até 2045, obxectivo ao que sempre aspirou a Xunta. A central das Pontes emite un 25% dos GEI de Galicia.
A EGCCE obvia o recente cambio nas perspectivas da central de carbón das Pontes
A EGCCE, nun exercicio de negación da realidade, nin sequera contempla a posibilidade de que esta central, responsábel ela soa de máis do 25% das emisións totais de GEI de Galicia (2017), poida pechar a curto prazo, malia as previsións máis recentes de Endesa, a súa propietaria.
A compracencia da EGCCE co carbón é tal que mesmo chega a ocultar a destacadísima achega das centrais de carbón ás emisións de GEI en Galicia. No apartado sobre as “centrais termoeléctricas de uso público”, óbviase que en 2016, as centrais de carbón emitiron 9.130.619 toneladas, isto é, o 96% das emisións totais das centrais térmoeléctricas de uso público durante ese ano. Nin sequera se citan neste apartado as centrais de carbón (4).
Notas
[1] No último horizonte da Estratexia, o ano 2050, as centrais termoeléctricas aínda emitirían 276.500 toneladas de GEI. En 2030, as emisións da produción eléctrica en centrais térmicas ascenderían aínda a 6.322.100 toneladas, fronte ás 9.501.300 de 2016.
As fontes renovábeis xa achegaron unha media anual do 54% da electricidade xerada en Galicia en 2013-2017, período no que se estancou a potencia renovábel instalada. O logro dun sector eléctrico sen centrais térmicas en 2030 semella factíbel, pero a vontade da Xunta de adiar innecesariamente o abandono do carbón e do gas natural fai que a EGCCE desbote esta posibilidade.
[2] As alegacións da plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” ao borrador de EGCCE sometido no seu día a consulta pública pódense consultar en https://unfuturosencarbon.org/alegacions-a-estratexia-galega-de-cambio-climatico-e-enerxia-2050/.
[3] No chamado antes Plan operativo e agora Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2019-2023, emulando a denominación do estatal, que sen embargo abrangue até 2030.
[4] Se ben nas conclusións da diagnose de mitigación e no apartado sobre o réxime de comercio de dereitos de emisión inclúe dúas referencias ás centrais de carbón, ausentes no borrador. Ese foi o único resultado das alegacións presentadas pola plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”.
3 comentarios
Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2019 - ESF Galicia · 5 Decembro, 2019 ás 9:06 p.m.
[…] A Estratexia de Cambio Climático da Xunta atrasaría a transición enerxética e ralentizaría a di… […]
Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2019 - Ingeniería Sin Fronteras · 6 Decembro, 2019 ás 12:10 a.m.
[…] A Estratexia de Cambio Climático da Xunta atrasaría a transición enerxética e ralentizaría a di… […]
O final do carbón e a transición xusta non poden esperar máis - Un futuro sen carbón · 9 Xaneiro, 2020 ás 10:25 a.m.
[…] só o 24,6% en 2030 con respecto a 1990, menos da metade do que xa sería necesario nese horizonte: https://unfuturosencarbon.org/a-estratexia-de-cambio-climatico-da-xunta-atrasaria-a-transicion-enerx…. As alegacións a esta estratexia presentadas pola plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, […]
Os comentarios están cerrados.