A decisión de Endesa de pechar a central de carbón das Pontes aínda non é firme
(21 de xaneiro de 2020). Endesa presentou unha solicitude formal de peche da central de carbón importado das Pontes o pasado 27 de decembro. Mais contempla a posibilidade de desistir da mesma.
A razón que xustifica a solicitude de peche da maior fábrica de cambio climático da Península Ibérica, segundo expón Endesa neste comunicado, é “a profunda modificación das condicións de mercado (rexistrouse un incremento sustancial no prezo dos dereitos de CO2 e unha caída significativa do prezo do gas)”. Unha modificación que non foi capaz de prever cando decidiu reformar a central para prorrogar a súa vida cando menos até 2030.
Ante “a clara ausencia de perspectivas de mellora no futuro” para a xeración eléctrica con carbón, Endesa optou por pedir formalmente o peche da central das Pontes, xunto coa de Carboneras (Almería). 2022 sería o ano límite para a vida dunha central cuxas emisións de CO2 nas últimas catro décadas xeraron tanta ou máis crise climática que algúns países.
A posibilidade da co-combustión con residuos
Porén, Endesa resérvase o dereito de desestimento da súa solicitude, para todos ou para parte dos catro grupos que constitúen a central, a de maior potencia de España. Tal desestimento produciríase no caso de que, como resultado das probas adicionais de combustión “con distintas mesclas de combustíbel” a realizar na próxima primavera, se considerase “viábel” a continuidade da central.
As probas xa realizadas de co-combustión de carbón e residuos orgánicos (como lamas de depuradora), cuxos resultados non se quixeron difundir publicamente, non foron “satisfactorias”, a xuízo de Endesa. E iso “tanto desde un punto de vista técnico e medioambiental como económico”.
Mais a opción de queimar residuos orgánicos con carbón para conseguir unha redución contábel (máis que real) das emisións de CO2 e así reducir custos por pagamento de dereitos de emisión, non está totalmente descartada.
A Vicepresidencia para a Transición Ecolóxica confía na co-combustión
Incinerar residuos orgánicos, presentados como “biocombustíbeis”, para seguir xerando máis electricidade sucia na térmica das Pontes, nin é propio da economía circular nin constitúe unha solución climática real. Mais é unha opción que conta co apoio explícito da Xunta de Galicia, do Concello das Pontes ou dos sindicatos CCOO, CIG e UGT. E á que ningún partido político en Galicia se ten oposto, da mesma forma que tampouco ningún fixo nada polo peche das nosas centrais de carbón.
Tamén o Ministerio para a Transición Ecolóxica de Teresa Ribera apoia esta “alternativa”. Nun comunicado divulgado o mesmo día en que Endesa anunciou a solicitude formal de peche, a agora Vicepresidencia declarou confiar “no resultado positivo das probas que permitirán manter activos dous grupos da planta con co-combustión de biomasa”.
Desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón seguiremos a presionar a favor do peche definitivo de todos os grupos da central térmica das Pontes. A transición ecolóxica real que a emerxencia climática reclama non inclúe a co-combustión de carbón e residuos orgánicos.
3 comentarios
A xeración eléctrica con carbón caeu o 76,1% en Galicia durante 2019 - Un futuro sen carbón · 24 Marzo, 2020 ás 7:01 p.m.
[…] pechará no primeiro semestre deste ano. E a das Pontes (Endesa) farao no segundo semestre de 2021, sempre e cando se desbotar finalmente a opción da co-combustión de carbón e residuos orgánicos p…. Ambas as dúas centrais xa teñen uns 40 anos de […]
Pecha a central de carbón de Meirama! - Un futuro sen carbón · 9 Xullo, 2020 ás 7:04 p.m.
[…] A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” rexeita a co-combustión de carbón xunto con outros combustibles como unha falsa alternativa “ecolóxica” para a continuidade dunha central que debería pechar en 2021, tal e como solicitou en principio ENDESA en decembro do ano pasado. […]
Que din os programas para as eleccións galegas sobre un futuro sen carbón? - Un futuro sen carbón · 9 Xullo, 2020 ás 7:28 p.m.
[…] de pechar, a realidade foi moi por diante da ambición climática dos partidos. A día de hoxe, semella próximo o peche de dous dos catro grupos da central de carbón das Pontes, cada un dos cais ten uns 350 MW de potencia. Para os outros dous está aínda sobre a mesa a […]
Os comentarios están cerrados.