Quen se compromete a defender no Europarlamento o peche da central de carbón das Pontes antes do fin de 2025?

Publicado por Galiza sen gas o

(23 de maio de 2019). Con motivo das pasadas eleccións xerais, revisamos o que dicían os programas partidarios verbo do carbón e a xeración de electricidade. O resultado da nosa análise foi desalentador. Ningunha candidatura se comprometeu a defender nas Cortes Xerais o peche da central térmica de carbón das Pontes en 2025, a máis tardar.

Lamentamos tanta falta de compromiso climático. Porque estamos perante unha emerxencia climática global. Esgótase o tempo para evitarmos unha mudanza climática catastrófica. Cómpre abandonarmos o antes posíbel os combustíbeis fósiles. Comezando polo carbón, o máis nocivo para o clima.

A central de carbón das Pontes é a maior fábrica de cambio climático da Península Ibérica

Como amosamos no noso informe O prezo do carbón, Galicia é un dos territorios da UE onde a queima de carbón para producir electricidade ten maior peso nas emisións totais de gases causantes da crise climática. ¡Nada menos que un terzo das nosas emisións territoriais proceden das centrais de carbón!. Algo inusual na UE.

Tamén no Parlamento europeo cómpre defender unha transición enerxética xusta, democrática e rápida. Que pasa polo abandono do carbón canto antes. Despois do peche da central de Meirama en 2020, por decisión de Naturgy, a das Pontes, propiedade de Endesa, será a única central térmica de carbón galega. Actualmente é unha das 20 maiores fábricas de cambio climático da UE, debido ás súas elevadas emisións de dióxido de carbono (CO2).

Millóns de toneladas de dióxido de carbono emitidas polos 30 maiores emisores da UE en 2018. Fonte: El País, a partir de datos da Comisión Europea.

Por todo isto, desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” dirixímonos aos e ás primeirxs candidatxs galegxs das principais candidaturas que concorren ás eleccións ao Parlamento Europeo do próximo 26 de maio para lles formular a seguinte pregunta:

No caso de resultar elixidx como eurodeputadx nas eleccións ao Parlamento Europeo do próximo 26 de maio, comprométese a traballar no europarlamento polo peche da central de carbón das Pontes en 2025, a máis tardar?

Lidia Senra comprométese a defender no Parlamento europeo o peche da central das Pontes antes do fin de 2025

Lidia Senra, número dous na lista da coalición Compromiso por Europa como candidata de En Marea, respondeu á nosa pregunta, facéndoo afirmativamente. Quixo matizar na súa resposta que, xunto co peche da central de carbón das Pontes, a máis tardar en 2025, “é necesario á vez poñer en marcha medidas cara á transición enerxética e cara a un modelo sustentable, no que se leve a cabo unha boa ordenación do territorio e se conte coas poboacións locais”.

Ana Miranda traballará polo cumprimento estrito da lexislación ambiental, pero non polo peche da central das Pontes antes do fin de 2025.

Ana Miranda, integrante da lista da coalición Agora Repúblicas como candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG), contestou que traballará polo “cumprimento estrito de toda a lexislación ambiental, en concreto, e neste momento, da Directiva de Emisións Industriais (DEI)”, aínda que non se compromete a defender o peche da central de carbón das Pontes antes do fin de 2025.

A DEI, que a central das Pontes cumprirá a partir de xullo de 2020 -catro anos e medio despois de entrar en vigor- non afecta as emisións de CO2 causantes de cambio climático senón só ás de partículas e gases tóxicos que deterioran a calidade do aire. Polo tanto, non evitará que a central de carbón das Pontes siga a ser unha enorme fábrica de cambio climático.

O resto das candidatas e candidatos interpeladxs non responderon á nosa pregunta. Deducimos polo tanto que non se comprometen a traballar no Parlamento europeo para que se deixe de queimar carbón en Galicia en 2025, como moi tarde. Un obxectivo non só necesario senón tamén viábel.


1 comentario

Que din os programas para as eleccións galegas sobre un futuro sen carbón? - Un futuro sen carbón · 9 Xullo, 2020 ás 7:05 p.m.

[…] fixemos no seu día con motivo das últimas eleccións europeas e das eleccións xerais celebradas en abril de 2019, avaliamos o compromiso das principais […]

Os comentarios están cerrados.