Pecha a central de carbón de Meirama!

Publicado por Galiza sen gas o

(29 de xuño de 2020). A central de carbón de Meirama, propiedade de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa) deixará de operar mañá 30 de xuño. A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” celébrao como un importante logro na loita contra a emerxencia climática global.

Xunto coa central de Meirama, situada no concello coruñés de Cerceda, pecharán outras sete centrais de carbón españolas, no que supón un punto de inflexión de cara ao abandono da produción eléctrica con carbón no Estado español. O carbón é o combustible fósil que máis contribúe ao cambio climático.

40 anos xerando crise climática

Desde a súa conexión á rede eléctrica en 1980, a central de Meirama emitiu decenas de millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro (GEI), boa parte das cais ficarán na atmosfera durante varias décadas máis, continuando a xerar crise climática.

Nos seus últimos dez anos de vida (2010-2019), as emisións de CO2 desta central adoitaron representar un 8% das emisións totais de GEI de Galicia (1). Até 2018, foi a segunda instalación industrial galega con maiores emisións de CO2, só por detrás da máis potente central de carbón das Pontes (2).

O peche da central de Meirama diminuirá ás emisións galegas de CO2, en maior medida canto máis se substitúa a súa achega enerxética pola diminución do consumo e polas enerxías renovables, e non por unha maior actividade de centrais de ciclo combinado a gas natural como a que Naturgy posúe en Sabón (Arteixo).

Unha fábrica de danos para a saúde

Ademais de CO2 causante de cambio climático, a central de Meirama tamén emitiu á atmosfera grandes cantidades de contaminantes tóxicos prexudiciais para a saúde humana e dos ecosistemas. Aínda que sucesivas reformas forzadas por mudanzas lexislativas conseguiron reducións significativas destas emisións, non deixou de ser nunca un dos principais focos galegos de contaminación atmosférica, cuxos efectos se deixaron sentir tamén moito máis alá da contorna da central.

Unha “andaina polo clima” convocada para celebrar o Día da Terra en 2010 demandou diante da central de Meirama o seu “peche urxente”.

Segundo o informe Last Gasp: The coal companies making Europe sick, a polución da térmica de Meirama causou 55 mortes prematuras e uns custos sanitarios por ingresos hospitalarios e perda de días de traballo asalariado de até 165 millóns de euros só durante 2016 (3).

Un peche por decisión empresarial

A decisión de Naturgy, divulgada en xaneiro de 2019, de non investir nunha nova reforma da central para diminuír a súa contaminación tóxica e poder así cumprir coa Directiva de Emisións Industriais (DEI), que se lle aplicaría a partir do 1 de xullo, é a causa inmediata do peche. Este é resultado dunha decisión empresarial moi condicionada por medidas políticas de ámbito europeo como a DEI ou o encarecemento do prezo do CO2 no mercado de emisións, que contribúen a facer cada vez menos competitivas as centrais de carbón en toda a UE.

Por suposto, o peche non é consecuencia nin da acción dun Goberno estatal que non quixo impor un calendario de peche das centrais de carbón españolas, nin dunha Xunta que sempre defendeu sen fisuras a súa continuidade indefinida, como se a emerxencia climática non existise.

A irresponsable tardanza de Naturgy en adoptar unha decisión definitiva sobre o futuro da central de Meirama, así como o negacionismo institucional da urxente necesidade e da inevitabillidade do seu peche, fixeron que a central de Meirama cese a súa actividade no medio de grandes incertidumes e temores sobre os efectos socioeconómicos que iso implicará na súa área de influencia.

Made with Visme Infographic Maker

E a transición xusta?

Non foi ata o 17 de abril pasado que Goberno estatal, empresas eléctricas e sindicatos subscribiron un “Acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en peche”, que se concretará en Convenios de Transición Xusta para cada central. E só recentemente se iniciou o trámite de participación pública do Convenio de Transición Xusta para a central de Meirama, que debería garantir protección social e alternativas de emprego sustentables. Os traballadores e traballadoras afectados polo peche son 112: 77 persoal propio e 35 de contratas (4).

Falta por aclarar o futuro da central de carbón das Pontes

O peche de central térmica de Meirama, con 580 MW (megavatios) de potencia, suporá unha diminución dun 30% na capacidade galega de produción eléctrica con carbón. A restante corresponde aos 1400 MW da central de carbón das Pontes, propiedade de ENDESA. Alentada pola Xunta e polo Goberno estatal, ENDESA efectuará novas probas de co-combustión de carbón e residuos orgánicos nesta central a partir da segunda quincena de xullo.

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” rexeita a co-combustión de carbón xunto con outros combustibles como unha falsa alternativa “ecolóxica” para a continuidade dunha central que debería pechar en 2021, tal e como solicitou en principio ENDESA en decembro do ano pasado.

Notas

1. En 6 dos 10 anos do período a achega das emisións da central de Meirama sobre o total das emisións galegas de GEI (e non só as das industrias) oscilou entre o 7,5 e o 8,1%, ao emitir entre 2,2 e 2,6 millóns de toneladas/ano. En 2015 mesmo atinxiu o 10,2%. Só en 3 anos, incluído 2019, estiveron por debaixo do 3,5%.

2. En 2019, e malia a forte caída na súa produción, aínda foi a 6ª industria galega con maiores emisións causantes de cambio climático. Máis información en: https://unfuturosencarbon.org/as-emisions-de-co2-das-centrais-de-carbon-galegas-diminuiron-o-752-en-2019/

3. Last Gasp: The coal companies making Europe sick é un informe elaborado e impulsado por Europe Beyond Coal,Sandbag,Greenpeace e o European Environmental Bureau A metodoloxía de impacto na saúde utilizada neste informe baséase nas recomendacións do proxecto “Riscos de saúde da contaminación do aire en Europa” (HRAPIE) da Organización Mundial da Saúde en Europa sobre avaliacións de impacto na saúde da contaminación do aire.

4. Segundo a información recollida no “Acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en peche”


4 comentarios

Que din os programas para as eleccións galegas sobre un futuro sen carbón? - Un futuro sen carbón · 9 Xullo, 2020 ás 7:28 p.m.

[…] e como aconteceu coa central de Meirama (580 MW), que vén de pechar, a realidade foi moi por diante da ambición climática dos partidos. A día de hoxe, semella […]

“Galiza, un futuro sen carbón” pide a Teresa Ribera que rexeite a co-combustión de carbón e residuos orgánicos na central das Pontes e acelere o Convenio de Transición Xusta - Un futuro sen carbón · 28 Xullo, 2020 ás 9:25 a.m.

[…] grupos da central das Pontes ten unha potencia duns 350 MW. A capacidade de produción eléctrica da central de carbón de Meirama, que vén de deixar de operar, ascendía a uns 550 MW, mentres a da incineradora de SOGAMA é de 50 […]

A produción eléctrica con carbón baixou o 45,5% - Un futuro sen carbón · 26 Marzo, 2021 ás 12:25 p.m.

[…] Como parte do retroceso do carbón en 2020 hai que destacar tamén o cesamento da actividade da central de Meirama (Naturgy). […]

A central de carbón das Pontes e Alcoa son os maiores emisores de CO2 en Galicia - Un futuro sen carbón · 24 Abril, 2022 ás 10:06 a.m.

[…] produción eléctrica nas centrais de carbón galegas diminuíu o 45,5% en 2020. Ademais, en xullo apagouse a central de Meirama (Naturgy). Como resultado da súa menor produción, as emisións de gases causantes de cambio climático das […]

Os comentarios están cerrados.