O final do carbón e a transición xusta non poden esperar máis

Publicado por Galiza sen gas o

(26 de decembro de 2019). Demandamos a Endesa que presente canto antes a solicitude de peche para a central de carbón das Pontes, xunto con medidas concretas de transición xusta para as comarcas da súa área de influencia.

As medidas de transición xusta deberían protexer tamén os camioneiros dedicados ao transporte do carbón, aos que Endesa explotou como falsos autónomos.

Asemade, desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” pedimos aos poderes públicos e aos sindicatos que centren os esforzos na implementación dunha transición xusta e non en reivindicar a continuidade indefinida da térmica das Pontes mediante a queima de residuos orgánicos xunto co carbón, o que non suporía unha mellora ambiental real.

Queimar residuos orgánicos non é unha solución

A queima de residuos orgánicos transportados desde o resto de Galicia e de España, xunto co carbón importado maioritariamente de Indonesia, onde se extrae con elevados custos socioambientais (1), non convertería a central térmica das Pontes nunha industria menos insustentábel.

Incinerar residuos orgánicos, presentados como “biocombustíbeis”, para xerar máis electricidade sucia, nin é propio da economía circular nin constitúe unha solución climática real.

A opción de queimar residuos orgánicos xunto co carbón para diminuír os custos por pagamento de permisos de emisión de dióxido de carbono (CO2) na central térmica das Pontes, a de maior potencia do Estado español, non pode formularse con secretismo, fúrtandoa ao debate social.

Desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” pedimos por carta ao Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica que faga públicos todos os resultados das probas efectuadas na central das Pontes sobre a queima conxunta de residuos orgánicos e carbón. Polo de agora non recibimos resposta.

Transición xusta si, transición lenta non.

Perante a decisión de Endesa, recollida na última actualización do seu plan estratéxico, de pechar en 2022 a central de carbón das Pontes, non se pode perder máis tempo na planificación dunha transición xusta para os traballadores e traballadoras e para as comarcas afectadas. Mais iso é o que está a facer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen segue a defender teimudamente a continuidade indefinida dunha das 20 maiores fábricas de cambio climático da UE, agora coa escusa de gañar tempo para a transición xusta.

Existe unha desproporción enorme entre o desmesurado impacto climático das centrais de carbón e o seu limitado impacto no emprego.

Curiosamente, a transición xusta nin se menciona na recentemente aprobada Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050. Un documento que aposta por atrasar irresponsabelmente a transición enerxética estendendo aínda máis a vida da central das Pontes e que non está en liña co obxectivo do Acordo de París de limitar o quecemento global a 1,5ºC (2).

Os peches anunciados das centrais de carbón de Meirama (2020) e As Pontes (2022), responsábeis do 35% das emisións galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) (3), son un éxito da loita social contra a emerxencia climática.

O abandono da produción eléctrica con carbón é, de lonxe, e entre as medidas factíbeis hoxe, a máis eficaz para comezarmos a recortar drasticamente as emisións territoriais de GEI de Galicia. Estas aumentaron o 2% entre 1990 e 2017 e son moi elevadas en termos per cápita (4).

Decrecemento do consumo e renovábeis

A electricidade achegada pola queima de carbón en Galicia debe ser substituída polo decrecemento do consumo enerxético e máis polo avance no despregue das enerxías renovábeis, de xeito respectuoso co territorio e co máximo protagonismo da cidadanía, por exemplo, a través do apoio á autoprodución e ás cooperativas enerxéticas.

As dúas centrais galegas de ciclo combinado a gas natural, unha das cais se sitúa tamén nas Pontes, deberían pechar, a máis tardar, en 2030.

Notas

  1. A extracción do carbón importado que abastece centrais térmicas españolas como a das Pontes está a miúdo vencellada a desprazamentos forzados, polución, restrición do acceso á auga, persecución, criminalización ou represión do dereito á protesta: https://unfuturosencarbon.org/greenpeace-denuncia-violacions-de-dereitos-humanos-na-extraccion-do-carbon-importado-en-galicia-e-espana/.
  2. A estratexia climática da Xunta confórmase cunha redución das emisións de gases causantes de cambio climático de tan só o 24,6% en 2030 con respecto a 1990, menos da metade do que xa sería necesario nese horizonte: https://unfuturosencarbon.org/a-estratexia-de-cambio-climatico-da-xunta-atrasaria-a-transicion-enerxetica-e-ralentizaria-a-diminucion-das-emisions/. As alegacións a esta estratexia presentadas pola plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, rexeitadas pola Xunta, están dispoñíbeis en: https://unfuturosencarbon.org/alegacions-ao-plan-de-enerxia-e-clima/.
  3. Dato referido a 2017, último ano con datos oficiais do inventario estatal de emisións de GEI. Das 30.260.130 toneladas emitidas en Galicia, 10.498.200 procederon das centrais de carbón das Pontes e Meirama.
  4. En 2017, as emisións territoriais galegas de GEI ascenderon a 11,2 toneladas por habitante. Son superiores ás emisións medias da UE (8,8) e de España (7,7).