“Galiza, un futuro sen carbón” pide que o Goberno estatal peche a central de carbón das Pontes antes de 2025

Publicado por Galiza sen gas o

(8 de abril de 2019). “Galiza, un futuro sen carbón” alegou o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030). Fíxoo para demandar que garanta o peche da central das Pontes e do resto de centrais de carbón españolas antes do fin de 2025.

O abandono total do carbón e da enerxía nuclear en 2025 sería posíbel cun maior esforzo no despregue das enerxías renovábeis e no estímulo do aforro e a mellora da eficiencia enerxética.

Sen calendario de peche obrigatorio

O Goberno estatal renunciou a establecer un calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón. Cedeu así ás presións, entre outros, de Endesa, da Xunta ou do propio PSdG. O Goberno central non vai pechar ningunha térmica de carbón.

O PNIEC 2021-2030 simplemente prevé a redución da capacidade de produción eléctrica con carbón até 0-1,3 GW (xigavatios) de potencia en 2030. A causa sería a posíbel evolución do prezo da tonelada de dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. Con todo, segundo a previsión gobernamental, en 2025 aínda estarían operativas 6 centrais, cunha potencia total de 4,5 GW.

A central das Pontes é a 17ª maior fábrica europea de cambio climático

A central de carbón de Meirama (Naturgy) pechará en 2020. Porén, Endesa pretende prorrogar a vida da das Pontes até a década de 2040. É a maior de España, con 1,4 GW de potencia. Tamén é unha das maiores fábricas europeas de cambio climático. En 2018 foi a 17º industria da UE con maior impacto climático, ao emitir 7,9 millóns de toneladas de CO2. Emite máis CO2 causante de cambio climático que todo o tráfico de vehículos en Galiza.

Fonte: El País.

As obras ás que esta a ser sometida reducirán as súas emisións tóxicas a partir de 2020, mais non as de CO2. Polo tanto, seguirá a ser unha enorme fábrica de cambio climático.

Atrasar innecesariamente o peche das térmicas de carbón máis alá de 2025 contribúe a rebaixar a ambición climática do PNIEC. O borrador non está en liña co obxectivo de limitar o aumento da temperatura media global a 1,5ºC, como indica o Acordo de París.

No caso da central das Pontes, dado que está formada por catro grupos de potencia practicamente igual, sería factíbel o seu peche paulatino ao longo da primeira metade da próxima década.

O documento coas observacións da plataforma á proposta de PNIEC pódese consultar nesta ligazón.


1 comentario

A eléctrica italiana Enel, propietaria de Endesa, non ve futuro no carbón máis alá de 2030 - Un futuro sen carbón · 17 Maio, 2019 ás 11:53 a.m.

[…] IIDMA, en nome da plataforma Un futuro sen carbón, preguntou na pasada Xunta de Accionistas da empresa española, o 12 de abril de 2019, polos plans da compañía para estas centrais. Endesa afirmou que as centrais poderían continuar abertas alén de 2030. De feito, o borrador do Plan de Enerxía e Clima (PNIEC) do Goberno español non estabelece un calendario de p…. […]

Os comentarios están cerrados.