“Galiza, un futuro sen carbón” apoia as folgas estudantís polo clima

Publicado por Galiza sen gas o

(14 de marzo de 2019). A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” apoia a folga estudantil polo clima convocada en todo o mundo para mañá 15 de marzo. Fai un chamado a toda a cidadanía a sumarse ás mobilizacións convocadas polo estudantado nas prazas de diversas cidades e vilas galegas, en demanda de accións para reducir rapidamente as emisións de gases causantes de cambio climático.

Na nosa terra, convocáronse concentracións e/ou manifestacións cando menos en A Coruña, Ares, Ferrol, Ourense, O Porriño, San Sadurniño e Vigo (ver convocatorias en http://juventudxclima.es/mapa/ e https://www.fridaysforfuture.org/events/map).
Ao tempo, haberá mobilizacións en máis de 60 localizacións no Estado e unhas 1.200 cidades de case un cento de países do planeta.

Para “Galiza, un futuro sen carbón” resulta esperanzador e alentador a conformación dun movemento xuvenil global que demanda respostas políticas ambiciosas fronte á crise climática. Agarda que tamén se fortaleza e multiplique en Galiza. E agradece ao estudantado impulsor da folga climática o seu compromiso e esforzo nun intre crucial na loita contra o maior problema socioambiental global.

Un terzo das emisións galegas procede das centrais de carbón

Os “Venres polo Futuro” lembran  a urxencia de mitigarmos o cambio climático antes de que sexa demasiado tarde.

Galiza será un dos países europeos máis afectados polo quentamento global. Tamén é, en termos relativos, un dos seus principais responsábeis, pois as súas emisións territoriais por habitante de gases con efecto invernadoiro son moi elevadas (10,3 toneladas en 2016), superando a media española (7) e europea (8,4). Un terzo procede da queima de carbón en centrais térmicas para producir electricidade.

Categorías: Noticias