COP25: A plataforma Un futuro sen carbón lembra a empresas, bancos e Goberno estatal que deben cumprir cos seus compromisos para pór fin ao carbón

Publicado por Galiza sen gas o

(4 de decembro de 2019). As organizacións españolas pertencentes á plataforma europea Un futuro sen carbón (UFSC) lembran, con motivo da COP25 que se celebra en Madrid, que non se pode dar por pechado o carbón en España e que aínda resta moito por facer.

O nodo español da plataforma Europe Beyond Coal critica a falta de transparencia nos procesos de peche das térmicas de carbón e pide que se garanta unha transición xusta para as comunidades autónomas afectadas, tendo en conta non só os traballadores das compañías senón o tecido económico e social que depende da industria.

Ademais, lembra que o país que preside a COP25, Chile, debe pechar as súas centrais térmicas de carbón en 2030 como moi tarde.

Compañías eléctricas

Naturgy, Endesa, Iberdrola, EDP e Viesgo son as compañías donas das centrais de carbón españolas. A pesar de que xa se presentaron as solicitudes de peche de diversas centrais, aínda hai centrais que se prevén manter abertas sen data definida ou anunciada de peche, como é o caso de Soto de Ribera, Aboño II e Los Barrios, as dúas primeiras propiedade de EDP e a última de Viesgo. Estas tres centrais acometeron traballos de adaptación aos novos límites de emisión de contaminantes tóxicos da normativa europea, que entran en vigor en xullo de 2020. A plataforma pide ás empresas que soliciten os peches para estas centrais coa finalidade de garantir que pechen, como moi tarde, en 2025.

A plataforma tamén solicita a Endesa que presente, canto antes, as solicitudes de peche para As Pontes e Litoral, garantindo unha transición xusta para os territorios e persoas afectados por estes peches.

Goberno estatal

Malia o avance mostrado polo Goberno central en temas de transición enerxética e loita contra o cambio climático, a plataforma pide máis ambición. Lembra que aínda non existe un marco legal estable que garanta unha transición enerxética xusta onde o lugar do carbón no mix enerxético sexa ocupado por enerxías renovables non máis tarde de 2025. Asemade, o Ministerio para a Transición Ecolóxica debe acelerar as autorizacións de peche das centrais á vez que garante unha transición xusta para os territorios afectados.

Bancos e sector financeiro

A plataforma UFSC pide ao sector financeiro e bancos españois que sexan coherentes cos seus compromisos climáticos e deixen de financiar a queima de carbón noutros países.

Segundo o informe “Fool’s Gold” publicado por Europe Beyond Coal o pasado mes de maio, o Banco Santander ocupa o segundo lugar na listaxe dos que máis diñeiro concederon en Europa ás empresas enerxéticas máis contaminantes, principalmente en Polonia: 2.990 millóns de euros en préstamos e servizos de subscrición.

O tema do carbón aínda non está pechado

“En España está a darse por pechado o tema do carbón, mais o certo é que aínda queda moito por facer. Hai 14 centrais que teñen que pechar. A pesar de que algunhas xa solicitaron o peche este aínda non se autorizou. Ademais, as entidades financeiras españolas están a financiar o carbón noutros países. O impacto da contaminación do carbón sobre a saúde e o planeta é enorme. Unha central de carbón en calquera país europeo ameaza a saúde da poboación de toda Europa, debido á contaminación transfronteiriza, e a todo o planeta, debido a que este combustible fósil é un dos maiores responsables do cambio climático”

Plataforma Un futuro sen carbón

As centrais térmicas de carbón ademais de CO2 (dióxido de carbono) causante de crise climática, emiten grandes cantidades de SO2, NOx e partículas, sustancias contaminantes que provocan graves impactos na saúde e o medio.

De cara a cumprir cos obxectivos do Acordo de París, todos os países deben aumentar a súa ambición canto aos seus obxectivos de redución de emisións. O abandono do carbón en 2030 en países da Unión Europea e a OCDE, e en 2040 a nivel mundial, é un imperativo para podermos cumprir cun escenario que non supere os 1,5ºC por riba dos niveis preindustriales.