A xeración eléctrica con carbón caeu o 76,1% en Galicia durante 2019
(24 de marzo de 2020) A produción das centrais de carbón galegas desplomouse en 2019, caendo até os 2.466 GWh, un mínimo histórico, segundo os datos avanzados por Rede Eléctrica de España (REE).
Malia este desplome, a electricidade xerada con carbón aínda representou o 10% de toda a producida en Galicia (1). Todo o carbón usado en Galicia é importado, extraído a miúdo á custa de serias violacións dos dereitos humanos.
O ano 2019 pasará á historia como o do comezo do fin do carbón no noso país. A central de Meirama (Naturgy) pechará no primeiro semestre deste ano. E a das Pontes (Endesa) farao no segundo semestre de 2021, sempre e cando se desbotar finalmente a opción da co-combustión de carbón e residuos orgánicos para lle dar continuidade. Ambas as dúas centrais xa teñen uns 40 anos de vida.
O gas natural substituíu o carbón
A brusca diminución da produción eléctrica con carbón rexistrada entre 2018 e 2019 foi compensada por un repunte da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa). En 2019 xeraron 3.453 GWh (xigavatios hora), superando, por primeira vez desde que comezaron a operar en 2007, a produción das térmicas de carbón. Mesmo así, ficaron lonxe do seu máximo histórico (5.000 GWh en 2008).
As centrais de ciclo combinado a gas natural son menos intensivas en emisións de CO2 cás térmicas de carbón. Para xeraren unha mesma cantidade de electricidade, emiten unhas dúas veces e media menos CO2. Isto fai que o seu impacto negativo no clima sexa sensibelmente menor.
Porén, os ciclos combinados non deixan de ser centrais eléctricas insustentábeis de enerxía fósil. Por iso, desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón reclamamos o seu peche en 2030, a máis tardar.
Necesitamos máis enerxía renovábel
A participación das enerxías renovábeis (fundamentalmente eólica e hidroeléctrica) na xeración eléctrica galega aumentou 10 puntos, até representar un 65% do total en 2019, igualando o récord de 2010. Porén, descendeu en termos absolutos en máis de 1.000 GWh en comparación con 2018.
Despois de case unha década de estancamento (2), é necesario que volva medrar a potencia eléctrica renovábel. Se ben debería facerse de xeito moito máis distribuído, beneficioso para o rural e a maioría social e respectuoso coa natureza do que se ten feito até hoxe.
Unha vez abandonado totalmente o carbón, o que aínda non é seguro que aconteza nos próximos anos, necesitamos máis electricidade renovábel. Para que?. Para prescindirmos dos ciclos combinados e máis das centrais de coxeración que funcionan con gas natural ou con derivados do petróleo.
Alén de deixar de queimar combustíbeis fósiles para xerar electricidade, é preciso avanzar na electrificación (por exemplo, do transporte), algo imprescindíbel, en maior ou menor medida, no proceso de substitución de enerxías fósiles importadas por autóctonas renovábeis.
Segundo o Avanzo do Balanzo Enerxético de Galicia 2018, o 79% dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) empregados no noso país son de orixe fósil. Do balanzo eléctrico, dedúcese que en 2019 o consumo de carbón terá baixado drasticamente, paralelamente ao aumento da demanda de gas natural.
A redución da produción e o consumo eléctricos tamén limitaron a queima de carbón
Loxicamente, a necesidade de aumentarmos a potencia eléctrica renovábel será menor canto máis se limitar ou decrecer o consumo enerxético interno e/ou a exportación neta de electricidade ao resto da Península Ibérica.
En 2019, diminuíron tanto as exportacións de electricidade como o consumo interno. O noso consumo eléctrico baixou de 20.163 a 18.351 GWh entre 2018 e 2019 (seguramente pola menor actividade da industria electrointensiva). E o saldo exportador pasou duns 11.000 a uns 6.500 GWh.
De non teren descendido o consumo e a exportación de electricidade e, por conseguinte, a produción eléctrica, a actividade das centrais de ciclo combinado e das térmicas de carbón (nos primeiros meses do ano nos que aínda eran competitivas) tería sido aínda maior. E consecuentemente tamén o impacto da súa contaminación e máis o da extracción fóra da nosa terra dos combustíbeis fósiles que empregan.
Caída das emisións de gases de invernadoiro
Todo o anterior fará que 2019 sexa un punto de inflexión no combate á mitigación da emerxencia climática desde Galicia. Aínda non se divulgaron os datos oficiais sobre as emisións de gases causantes de cambio climático das centrais de carbón durante o ano pasado, mais estimamos que ascenderon a uns 2,5 millóns de toneladas (3).
Cómpre lembrar que as centrais de carbón de Meirama e As Pontes foron responsábeis dun terzo das emisións totais de Galicia durante os últimos anos. E que estas son moi elevadas en termos relativos: 11,2 toneladas por habitante, fronte a 8,8 de media na UE e 7,7 de media en España (4).
As nosas emisións territoriais brutas de gases de invernadoiro durante 2019 serán seguramente as máis baixas de, cando menos, as tres últimas décadas.
O adeus ao carbón non é unha decisión do Goberno estatal
O forte descenso en 2019 da xeración con carbón, amais do seguro peche da central de Meirama e o posíbel da das Pontes (cando menos de dous dos seus catro grupos), non é consecuencia da política enerxética estatal. Débese principalmente á suba do prezo do dióxido de carbono CO2 no mercado europeo de emisións. Isto fixo que as centrais de carbón deixasen de ser competitivas fronte aos ciclos combinados.
Na realidade, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España, co apoio moi maioritario do Parlamento autonómico, están a respaldar a co-combustión de carbón e residuos orgánicos (aproximadamente ao 50%) como alternativa para a continuidade da central das Pontes máis alá de 2021.
Nas próximas semanas estaba prevista a realización de novas probas de co-combustión cuxos resultados levarán a Endesa a rexeitar ou a apostar pola opción de seguir queimando carbón pero misturado con residuos orgánicos. Unha opción insustentábel que rexeitamos frontalmente.
Notas
(1) Avance do Informe do Sistema Eléctrico Español 2019: https://www.ree.es/es/sala-de-prensa/actualidad/nota-de-prensa/2020/03/las-renovables-superan-ya-en-potencia-instalada-al-resto-de-fuentes-de-energia-en-la-peninsula
(2) Entre 2010 e 2018 a potencia eléctrica renovábel instalada en Galicia aumentou en 544 MW (megavatios), isto é, unha media de 60 MW/ano. En 2019, segundo REE, instaláronse 394 MW de nova potencia eólica e fotovoltaica.
3) Baseándonos na ratio de emisións por GWh xerado en 2018.
4) Datos referidos a 2017, o último ano con datos oficiais sobre as emisións totais para Galicia.
3 comentarios
As emisións de CO2 das centrais de carbón galegas diminuíron o 75,2% en 2019 - Un futuro sen carbón · 29 Abril, 2020 ás 8:44 a.m.
[…] (2) Máis información sobre a produción eléctrica galega durante 2019 en https://unfuturosencarbon.org/a-xeracion-electrica-con-carbon-caeu-o-761-en-galicia-durante-2019/. […]
As emisións de CO2 das centrais de carbón galegas diminuíron o 75,2% en 2019 | Noticias Vigo · 29 Abril, 2020 ás 3:53 p.m.
[…] As dúas centrais de carbón e os dous ciclos combinados figuran entre as seis industrias do noso país con maiores emisións de CO2 e, polo tanto, con maior impacto climático.En comparación con anos anteriores, Endesa segue a ser a empresa responsable do maior volume de emisións directas de CO2. Naturgy, que pechará a central de carbón de Meirama en 2020, foi desprazada da segunda posición por Alcoa.Notas(1) Segundo os datos de emisións verificadas no marco do mercado europeo de emisións e publicados pola Comisión Europea. Dispoñibles en https://ec.europa.eu/clima/policies/ets/registry_en#tab-0-1. Ademais de CO2, as centrais de carbón emiten moitos outros contaminantes, pero as emisións de CO2 son as que provocan cambio climático. (2) Máis información sobre a produción eléctrica galega durante 2019 en https://unfuturosencarbon.org/a-xeracion-electrica-con-carbon-caeu-o-761-en-galicia-durante-2019/. (3) https://twitter.com/EurBeyondCoal/status/1248201748843544576?s=20 (4) En 2017, último ano con datos oficiais para as emisións totais de GEI en Galicia, as nosas emisións por habitante ascendían a 11,2 t, fronte a 7,7 en España e 8,8 na UE. […]
As emisións de CO2 das centrais de carbón galegas diminuíron o 75,2% en 2019. | Verdegaia · 30 Abril, 2020 ás 9:12 a.m.
[…] (2) Máis información sobre a produción eléctrica en 2019 en https://unfuturosencarbon.org/a-xeracion-electrica-con-carbon-caeu-o-761-en-galicia-durante-2019/ […]
Os comentarios están cerrados.