Eleccións xerais do 29N: esiximos un calendario para abandonar o gas fósil

Publicado por Galiza sen gas o

A rede de ámbito estatal Gas Non É Solución vén de presentar o documento “Desgasificar nuestra sociedad para una vida digna”, que reúne cinco propostas políticas dirixidas aos partidos que concorren ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro.

A plataforma estatal reclama que a próxima lexislatura estableza un calendario vinculante para abandonarmos progresivamente o gas fósil, co obxectivo de eliminarmos o seu uso na xeración eléctrica e nos fogares antes de 2030, avanzarmos na descarbonización industrial e planificarmos o peche das infraestruturas gasistas con horizonte 2035.

Manter a dependencia do gas fósil resulta incompatíbel cunha transición enerxética xusta e cos compromisos climáticos. Por iso, é prioritario que os programas electorais incorporen medidas para reducir estruturalmente o consumo enerxético, acelerar a electrificación renovábel, protexer os fogares vulnerábeis e evitar novos investimentos que prolonguen a utilización de combustíbeis fósiles.

Dependencia gasista

A presentación destas propostas coincide cun contexto de persistente dependencia gasista no Estado español.

Segundo os datos de Enagás, a demanda española de gas fósil aumentou un 6,3 % en 2025, até atinxir os 331,5 TWh, mentres que a demanda destinada á xeración eléctrica creceu un 33,4 %.

En Galicia a demanda de gas fósil medrou o 3,6% en 2025, impulsada por unha alza do 20,8% no consumo de gas fósil para a produción de electricidade.

Aumentan as importacións e o consumo de gas fósil en Galicia

O documento presentado por Gas Non É Solución articula cinco grandes liñas de actuación que combinan obxectivos climáticos, medidas de planificación enerxética e mecanismos de protección social.

Descarbonización e vivenda digna

A plataforma reclama un plan de rehabilitación enerxética con horizonte 2030 que priorice as vivendas en peores condicións e os fogares vulnerábeis.

Tamén propón prohibir a instalación de novas caldeiras de gas, planificar a eliminación deste combustíbel na climatización residencial e garantir o acceso ás subministracións básicas mediante unha tarifa social. Os custos da transición non deben trasladarse a quen habitan as vivendas, especialmente ás persoas inquilinas e aos fogares con menores ingresos.

Unha folla de ruta vinculante para abandonar o gas fósil

Entre os seus obxectivos figuran o peche progresivo das centrais de ciclo combinado antes de 2030, coordinado co despregamento de renovábeis, almacenamento e xestión da demanda.

Acción de Galiza sen gas diante da central de ciclo combinado de Sabón (Arteixo), propiedade de Naturgy.

Tamén se propón a aprobación dun plan para eliminar progresivamente o uso de gas fósil na industria antes de 2035, priorizando a eficiencia enerxética e a electrificación directa.

Gas non é solución pide excluír as centrais de gas fósil do mercado de capacidade, retirar os apoios económicos a novas infraestruturas fósiles e orientar o investimento cara á eficiencia enerxética, a electrificación directa e a xeración renovábel distribuída.

A plataforma tamén reclama aumentar a ambición climática do Estado español, cunha redución das emisións brutas de gases de invernadoiro de polo menos o 65 % en 2030 e do 95 % en 2040, con respecto aos niveis de 1990, obxectivos máis esixentes que os establecidos actualmente na planificación enerxética española.

Planificar o desmantelamento das infraestruturas gasistas con horizonte 2035

A proposta de desmantelamento inclúe as redes de transporte e distribución, as plantas regasificadoras, os almacenamentos estratéxicos e as centrais de gas (información específica sobre a infraestrutura gasista en Galicia aquí).

A rede advirte do risco de continuar financiando infraestruturas que poderían ficar infrautilizadas a medida que diminúa a demanda e reclama que os custos derivados do seu peche non repercutan sobre as persoas consumidoras, especialmente sobre as máis vulnerábeis.

Frear a expansión indiscriminada de gases renovábeis

As organizacións defenden que o desenvolvemento do biogás, o biometano e o hidróxeno renovábel debe responder a necesidades industriais reais, estar suxeito a unha planificación territorial vinculante e contar con participación efectiva das comunidades afectadas.

A plataforma considera que estes gases deben reservarse para actividades difíceis de electrificar e advirte dos impactos ambientais, territoriais e económicos que poden xerar os grandes proxectos orientados á exportación.

Neste ámbito, Gas Non É Solución reclama revisar proxectos como o corredor H2Med, do que Galicia polo de agora foi excluída.

A UE exclúe os hidrodutos entre Galicia e Zamora da lista de Proxectos de Interese Común

Reducir progresivamente o consumo de gas fósil no transporte

Cómpre descartar novas infraestruturas de subministración de gas fósil para vehículos e buques.

Fronte a un modelo de transporte alimentado con combustíbeis fósiles, Gas Non é Solución defende o transporte público colectivo, o camiño de ferro, a mobilidade activa e a electrificación directa, e propón limitar o uso de combustíbeis renovábeis a aqueles sectores para os que non existan alternativas máis eficientes e sustentábeis.

Unha transición enerxética que reduza a dependencia e as desigualdades

Gas Non É Solución sostén que as decisións enerxéticas da próxima lexislatura deben superar un modelo de seguridade de subministración baseado na diversificación das importacións e avanzar cara a outro modelo centrado na redución da demanda, a produción renovábel local e o acceso universal á enerxía.

Abandonarmos progresivamente o gas fósil non responde unicamente a unha obriga climática, senón tamén á necesidade de construírmos un sistema enerxético menos exposto ás crises internacionais, máis democrático e capaz de garantir unhas condicións de vida dignas.