Esixen que o Estado español se sume ao Tratado sobre os Combustíbeis Fósiles

Publicado por Galiza sen gas o

A plataforma Galiza sen gas, xunto con máis de 100 organizacións de todo o Estado español, asinou a declaración “Por unha transición xusta dos combustíbeis fósiles”.

O uso de enerxía fósil é a maior causa da emerxencia climática. En Galicia orixinou o 72% das emisións de gases causantes de cambio climático durante 2023, ano máis recente con datos oficiais.

Perante o fracaso dos cumios climáticos da ONU á hora de impulsaren o fin dos combustíbeis fósiles, a declaración avoga por un proceso complementario de cooperación internacional que promova a creación dun instrumento legal vinculante para o abandono rápido e xusto do petróleo, o gas fósil e o carbón.

Primeira Conferencia Internacional para a Transición Máis Alá dos Combustíbeis Fósiles

A promoción dun Tratado sobre Combustíbeis Fósiles será un dos puntos a tratar na Primeira Conferencia Internacional para a Transición Máis Alá dos Combustíbeis Fósiles, que terá lugar no porto carbonífero colombiano de Santa Marta, do 24 ao 29 de abril, co-organizada por Colombia e os Países Baixos.

A declaración asinada por Galiza sen gas anima ao Goberno español, que estará representado na conferencia, a exercer un papel chave no impulso deste novo tratado internacional que se destinaría a promover a eliminación planificada da enerxía fósil.

Galiza sen gas demanda á Xunta e ao Parlamento galego que apoien tamén un Tratado internacional sobre os Combustíbeis Fósiles.

Forte dependencia fósil de Galicia

O peche a comezos desta década das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes foi un avance decisivo para a desfosilización do sistema enerxético galego, posibilitado polo desenvolvemento renovábel pasado.

Porén, Galicia aínda usa moito petróleo e gas fósil, tanto para o consumo interno como para a exportación, previo paso pola refinaría da Coruña e a regasificadora de Mugardos.

En termos de enerxía primaria, petróleo e gas fósil supoñen, respectivamente, o 49,1% e o 23% do total dos recursos enerxéticos empregados no noso país, segundo o último Balance enerxético do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, correspondente a 2023.

Fonte: Balance enerxético de Galicia 2023. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

A dependencia galega de petróleo e de gas fósil, ademais de contribuír á crise climática, á contaminación atmosférica e á destrución doutros territorios, xera inseguridade enerxética nun escenario xeopolítico cada vez máis hostil.

A xuízo de Galiza sen gas, cómpre unha sólida e participada planificación enerxético-climática para o abandono do gas fósil antes de 2035 e do petróleo antes de 2040 que, lastimosamente, non se quixo comezar a emprender na recentemente aprobada Lei do Clima de Galicia, que resultará por tanto moi pouco ineficaz.

Os combustíbeis fósiles son un enorme atranco para afrontarmos a emerxencia climática e protexermos a nosa saúde, o noso benestar e o noso futuro.