O gas fósil é o novo carbón

A agrupación Gas No es Solución presentou o seu ‘Anuario del gas fósil en el Estado español 2023-2024’. Trátase dunha exhaustiva análise que desmonta o mito do gas como enerxía “verde”.
O gas fósil: nin verde nin barato, senón o novo carbón
O informe subliña que o mal chamado “gas natural” é un combustible fósil que implica graves riscos para a saúde e o medio ambiente, agravando a crise climática. “Non só contamina cando se queima, senón tamén polas fugas de metano que se producen ao longo da súa cadea de produción”, explican as autoras.
O metano é un gas de efecto invernadoiro até 86 veces máis prexudicial que o dióxido de carbono nun período de 20 anos.
España: un país 99,8% dependente do gas importado
Desde 2005, a extracción de gas fósil en España nunca superou o 0,5% do consumo total, situándose normalmente por baixo do 0,2%.
O podio de exportadores a España en 2024 encabézano Alxeria, Rusia, Estados Unidos e Nixeria, o que engade “moita vulnerabilidade enerxética” ao sistema.
Desde 2019, España consome máis gas licuado (GNL) que gas que chega por gasodutos (GN). Isto indica un cambio cara a provedores máis afastados e voláteis, incluíndo réximes autocráticos.
Infraestruturas infrautilizadas e mal dimensionadas
O informe revela que cinco das sete regasificadoras españolas teñen cocientes de utilización menores ao 40% en 2024. Destacan os casos de Barcelona (12%), Musel (14%), Cartaxena (18%), Sagunto (21%) e Huelva (23%).
Unha realidade que “choca coa posta en marcha do Musel en 2023”. Esta planta asturiana é propiedade conxunta de Enagás e a galega Reganosa.
O gas domina as emisións do sistema eléctrico
No ámbito eléctrico, os ciclos combinados de gas representaron o 52,6% das emisións de CO2 equivalente en 2024, sumando máis de 14 millóns de toneladas.
Se se inclúen outras tecnoloxías gasistas, o gas fósil supón aproximadamente o 60% das emisións do sistema eléctrico español.
Un sector concentrado en poucas mans
O documento analiza a estrutura do sector gasista español, dominado por grandes corporacións como Enagás, Naturgy, Endesa, Iberdrola e Repsol, entre outras.
Especialmente preocupante é o caso de Enagás, que concentra un duplo papel como transportista e único Xestor Técnico do Sistema gasista, xerando conflitos de interese que preocupan á CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia).
O “eventazo do ano”: leccións do apagamento do 28 de abril
O informe dedica un capítulo especial ao apagamento xeralizado ocorrido o 28 de abril de 2025, cando o sistema eléctrico rexistrou por primeira vez un “cero enerxético”. Os autores advirten contra as “conclusións precipitadas” que buscan xustificar un retroceso cara a combustíbeis fósiles. “A verdadeira seguridade enerxética debería estar ligada á redución do consumo, a eficiencia enerxética e a produción mediante enerxías renovábeis“.
Fugas de metano: o problema invisíbel
Entre 2022 e 2024, contabilizáronse 1.194 fugas do sector de combustibles fósiles en países exportadores a España, principalmente Estados Unidos e Alxeria. Na península ibérica detectáronse 29 fugas adicionais, estimándose emisións dunhas 212 toneladas de metano concentradas ao redor de grandes núcleos urbanos.