Unión ibérica contra o proxecto H2Med para a exportación de hidróxeno verde

Publicado por Galiza sen gas o

Galiza sen gas, xunto con outras organizacións ibéricas e do resto de Europa, expresa a súa grave preocupación polo proxecto H2Med, que permitiría a exportación de hidróxeno (H2) desde a Península Ibérica a Europa Central e ameazaría a transición enerxética. O hidroduto Guitiriz-Zamora, promovido por Reganosa e Enagás, encaixaría no H2Med.

A organización ambientalista portuguesa Zero e a rede estatal Gas no es solución impulsaron un posicionamento público conxunto que tamén asinan Galiza sen gas e outras 25 organizacións. Fixérono un día despois de se pechar a Call for interest aos potenciais produtores e consumidores de hidróxeno involucrados neste proxecto, o 18 de decembro.

A Unión Europea (UE) fixo do hidróxeno verde, producido con electricidade renovábel, unha prioridade en materia de enerxía e cambio climático, en tanto que planificou un consumo de 20 millóns de toneladas de hidróxeno verde para 2030. Como resultado xurdiu o H2Med, destinado a exportar hidróxeno verde producido en Portugal e no Estado español cara ao centro da UE.

Os custos ocultos do H2Med

O proxecto de gasoduto H2Med pretende transportar hidróxeno verde desde Portugal a través de España, polo mar Mediterráneo, até Francia e, por último, a Alemaña. O proxecto prevé a construción de dous tramos principais: Celorico da Beira-Zamora e Barcelona-Marsella.  En total, o H2Med terá capacidade para transportar até 2 millóns de toneladas de H2 ao ano, de aquí a 2030.

Fonte: Enagás

Con estes obxectivos, a Península Ibérica achegaría o 10% dos obxectivos de consumo da UE, ou o 20% dos obxectivos de produción interna. Suporía a instalación de, polo menos, 40 GW de nova capacidade renovábel en territorio ibérico. Iso equivale a 5 veces a potencia renovábel instalada hoxe en Galicia.

A exportación a grande escala de hidróxeno verde crearía na Península Ibérica unha competencia polo solo, os recursos de enerxías renovábeis e a infraestrutura de transporte de electricidade que podería pór en perigo a dispoñibilidade da enerxía renovábel imprescindíbel para a desfosilización do consumo enerxético interno.

De ter lugar un aumento da capacidade de xeración renovábel no Estado español e en Portugal adicional ao necesario para a descarbonización interna, incrementaríase o impacto ambiental do despregamento renovábel, ao ter que ser ben máis amplo.

No caso de se completar o gasoduto mais non se dispor de suficiente hidróxeno verde, a opción alternativa será mesturalo con gas fósil. Así, favorecerase o papel de receptoras de gas fósil de infraestruturas como a regasificadora de Reganosa en Mugardos.

Hidróxeno verde: só para consumo local e usos non electrificábeis

Até a data non existen datos fiábeis sobre a futura demanda de hidróxeno verde en Europa Central. Polo tanto, córrese o risco de que o H2Med supoña un malgasto de fondos públicos.

Ademais, o transporte de hidróxeno é tecnicamente difícil e consome cantidades substanciais de enerxía, polo que dar prioridade á produción e o consumo local de hidróxeno é máis eficiente.

Polo de agora en Galicia non se produce hidróxeno verde pero si cinsento, a partir de gas fósil, na refinaría de petróleo da Coruña (para autoconsumo) e na planta de Air Liquide en Arteixo.

Por outro lado, o hidróxeno verde só se debería destinar aos sectores difíceis de electrificar directamente (por exemplo, a siderurgia, o amoníaco, a aviación e o transporte marítimo), despois de aplicar medidas de redución da demanda. Resulta máis eficiente usar a electricidade directamente que indirectamente, a través da produción e uso de hidróxeno verde, o que implica maior consumo de enerxía, solo e auga.

Os fondos públicos destinados ao H2Med poderían empregarse mellor en alternativas de probada eficacia, como a redución da demanda, a electrificación directa, o autoconsumo, as comunidades enerxéticas e a mellora da eficiencia enerxética.