Os custos sanitarios das centrais de carbón en Galicia ascenden a 430 millóns de euros anuais
(28 de novembro de 2018). Os custos sanitarios estimados para Galicia derivan dos 117 ingresos hospitalarios e dos 52.000 días de traballo perdidos atribuíbles á contaminación do aire polas centrais das Pontes e de Meirama.
A plataforma Europe Beyond Coal, da que forma parte “Galiza, un futuro sen carbón”, lanzou a semana pasada o informe “Last Gasp: The coal companies making Europe sick” [1] (Último alento: As compañías do carbón que están enfermando Europa). Este informe suliña o custo oculto do uso de carbón para a produción de electricidade, utilizando modelos de datos [2] que teñen en conta as emisións das centrais e a meteoroloxía para estudar os seus impactos na calidade do aire e a saúde da poboación.
Os resultados amosan a elevada responsabilidade que teñen compañías de enerxía europeas que utilizan carbón para xerar electricidade. As emisións de gases tóxicos e partículas procedentes das súas centrais implican custos inasumibles para as persoas de toda Europa. Provocan graves problemas de saúde e até 22.000 millóns de euros en custos ocultos, segundo o modelo detallado. As máis de 250 centrais de carbón que operan actualmente en Europa son responsables de 7.600 muertes prematuras anuais.
A queima de carbón en Galicia causou 143 mortes prematuras en 2016
En Galicia operan desde hai catro décadas dúas térmicas de carbón. A das Pontes é propiedade de Endesa. Naturgy (antes Gas Natural Fenosa) é propietaria da central de Meirama (Cerceda). Ambas as dúas provocaron 143 mortes prematuras durante 2016, ano ao que se refire o informe.
Ademais, foron responsables de 5.000 casos de síntomas de asma en nenos e nenas, de 106 novos casos de bronquite crónica e de 117 ingresos hospitalarios por problemas respiratorios e cardiovasculares. Os custos sanitarios por causa dos ingresos hospitalarios e máis da perda de 52.000 días de traballo estimáronse en até 430 millóns de euros [3].
As Pontes está entre as 30 centrais de carbón máis tóxicas da UE
Considerando o número de mortes prematuras causadas, dun total de 265 centrais de carbón europeas, a das Pontes ocupa a posición 29, mentres a de Meirama sitúase na 64.
Endesa é a eléctrica máis contaminante
A compañía máis contaminante na nosa terra é Endesa, debido á súa térmica de carbón das Pontes. Actualmente está a adaptala aos límites de emisións á atmosfera máis estritos marcados pola normativa europea vixente, para o cal conseguiu unha exención de catro anos e medio [4].
Naturgy aínda non decidiu se acometerá ou non a reforma da súa central de Meirama. De non facelo tería que pechala en 2020.
Menos emisións tóxicas, pero non de CO2
A normativa europea que esixe reformas nas centrais das Pontes e de Meirama para poderen funcionar máis alá de 2020 refírese só ás emisións de partículas e de gases tóxicos nocivos para a saúde humana. Non limita as elevadas emisións de dióxido de carbono (CO2) causantes de cambio climático inherentes á queima de carbón. As centrais de carbón son a maior fonte emisora de gases causantes de cambio climático en Galicia, achegando un terzo das emisións totais nos últimos anos.
Este informe deixa claro que a contaminación atmosférica das centrais de carbón chega até lugares moi afastados, causando cuantiosos prexuízos. Estes son asumidos polo conxunto da cidadanía, non polas empresas propietarias das térmicas de carbón. Danos aos que cómpre sumar os derivados das emisións de CO2 causantes de cambio climático, non considerados no informe.
A plataforma Galiza, un futuro sen carbón demanda o peche das centrais de carbón, a máis tardar, en 2025, garantindo unha transición xusta.
NOTAS
1. “Last Gasp: The coal companies making Europe sick” é un informe elaborado e impulsado por Europe Beyond Coal, Sandbag, Greenpeace e o European Environmental Bureau.
2. A metodoloxía de impacto na saúde utilizada no informe baséase nas recomendacións do proxecto “Riscos de saúde da contaminación do aire en Europa” (HRAPIE) da Organización Mundial da Saúde en Europa sobre avaliacións de impacto na saúde da contaminación do aire. Inclúe modelos atmosféricos co modelo informático do Centro Europeo de Monitoreo e Avaliación Meteorolóxica de Sintetización – Oeste (EMEP MSC-W), que tamén emprega a Axencia Europea de Medio Ambiente para as avaliacións da Comisión Europea dos impactos na saúde da contaminación do aire en Europa. Este informe non tenta cuantificar todas as incidencias de saúde reais nin os seus custos reais.
3. Táboa cos datos do informe Last Gasp para as centrais de carbón situadas en Galicia.
4. Os novos valores límite para a emisión de SO2, NOX e partículas estabelecidos na Directiva 2010/75/UE (Directiva de Emisións Industriais, DEI) entraron en vigor o 1 de xaneiro de 2016. Porén, Endesa e Naturgy acolléronse a unha excepción (Plan Nacional Transitorio) que atrasa até despois do 30 de xuño de 2020 o cumprimento deses límites.