O Movemento Galego polo Clima convoca accións para o 20-27S e pide o peche da central de carbón das Pontes
(19 de setembro de 2019). O Movemento Galego polo Clima, do que fai parte a Plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, apoia e participa da organización das accións polo clima que se van desenvolver en distintas localidades do país do 20 ao 27 de setembro.
Terán lugar no marco dunha iniciativa de alcance mundial impulsada polas mozas e mozos de “Venres polo futuro”, que rematará cunha Folga polo Clima e manifestacións.
Acción urxente fronte á emerxencia climática
No manifesto lanzado con motivo do 27S, o Movemento Galego polo Clima sinala que “a situación de emerxencia na que estamos instaladas non é produto dos últimos meses, nin sequera dos últimos anos, senón que o é de décadas. Décadas nas que se ignoraron informes e advertencias de incontables estudos elaborados polo mundo científico e nos que se alertaba sobre as consecuencias irreversibles do cambio climático e o colapso ecolóxico. Hoxe, enfrontámonos a unha emerxencia sen antecedentes na historia da humanidade, está ameazada a continuidade da propia civilización”.
Cómpre tentarmos evitar que a temperatura global supere o perigoso limiar dos 1,5 ºC (xa aumentou 1ºC). Isto ten que ser unha prioridade mundial, “na que nós, como galegos e galegas, temos que participar, facendo os cambios precisos no noso xeito de vivir e pondo fin ás actividades que contribúen de xeito máis que evidente a manter está situación que pon en perigo a mesma supervivencia da humanidade”.
É prioritario o peche da térmica de carbón das Pontes.
Para contribuír desde Galicia á rápida redución de emisións de gases de invernadoiro necesaria, “faise urxente o peche da térmica de As Pontes, que produce o 25% das emisións totais galegas”, suliña o Movemento Galego polo Clima.
A central de carbón de Meirama pechará en 2020 por decisión de Naturgy, mais non hai calendario de peche para a central de Endesa nas Pontes, a máis grande e contaminante.
O peche rápido e planificado da central de carbón das Pontes debe acompañarse de medidas de transición xusta. “Non pode supoñer, unha vez máis, que sexa a clase traballadora a que pague as consecuencias, e polo tanto, reclamamos aos gobernos a creación de planos sociais para facer a necesaria transición enerxética de xeito xusto”.
Un amplo programa de actividades para a semana de acción polo clima.
No blog do Movemento Galego polo Clima iranse recollendo as actividades convocadas para a semana de acción polo clima, que culminará con concentracións e manifestacións o próximo venres 27-S en varias localidades. Infórmate e participa!.