O modelo exportador de hidróxeno verde é unha ameaza para a transición enerxética xusta

Publicado por Galiza sen gas o

O proceso de aprobación definitiva da sexta lista de Proxectos de Interese Común Europeo (PCI) e de Interese Mutuo (PMI) segue o seu curso. A lista foi publicada pola Comisión Europea o pasado 28 de novembro e actualmente atópase en fase de votación no Consello e o Parlamento Europeos para a súa aprobación final. Inclúe o proxecto H2Med mais non o hidroduto Guitiriz-Zamora, vencellado a el e impulsado inicialmente por Reganosa e agora por Enagás. Porén, Enagás asegurou que seguirá adiante co hidroduto Guitiriz-Zamora e volverao presentar á próxima convocatoria de PCI este mesmo ano.

Proposta de infraestrutura básica de hidróxeno presentada por Enagás para o Estado español en 2030 e 2040.

Esta lista de proxectos está a levantar polémica tanto no Estado español como a nivel europeo. Precisamente, o Partido Verde Europeo chegou a presentar unha obxección integral que será votada na próxima reunión da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo (ITRE), que terá lugar o 22 de febreiro. Un paso previo fronte á sesión plenaria de marzo.

Lista problemática

Para apoiar esta obxección integral, a plataforma Galiza sen gas, xunto coa rede estatal Gas No Es Solución e outras 57 organizacións a nivel europeo e estatal, enviou unha carta ao Parlamento Europeo para esixir “unha lista acorde cos obxectivos climáticos e o noso verdadeiro interese común”.

Na carta sinálase que “a lista inclúe un elevado número de proxectos problemáticos, na súa maioría propostos pola industria dos combustíbeis fósiles, que corren o risco de diminuír a ambición e os esforzos existentes de redución de emisións, de socavar a tan necesaria e urxente transición xusta e de se converter en activos varados. A lista unicamente debería incluír proxectos cuxa posta en marcha vaia contribuír a frear a crise climática”.

Na lista PCI figuran 68 proxectos transfronteirizos de hidróxeno a grande escala, moitos dos cais pretenden transportar hidróxeno de orixe fósil, e mesmo dous megaproxectos de gas fósil moi controvertidos: o EastMed de Chipre e o Melita TransGas de Malta.

H2Med e rede troncal española

As críticas das organizacións españolas céntranse no proxecto H2Med e na rede troncal de hidróxeno. Achan que se trata de proxectos “que corren o risco de ficar sobredimensionados e de non responder ás necesidades da transición enerxética”.

Foron presentados na lista PCI/PMI pola empresa Enagás, xestora da rede gasista. Perante o nomeamento de Enagás como xestor provisional da rede troncal de hidróxeno, as organizacións consideran que “o xestor da futura rede de hidróxeno tería que ser totalmente independente e se for posíbel público ou baixo control social -, para evitar calquera conflito de intereses coas industrias de combustibles fósiles nos procesos de modelización e planificación”.

“Preocúpanos que se basee o desenvolvemento das infraestruturas de transporte de hidróxeno nunha burbulla de mercado e nas análises e proxeccións dunha empresa privada, tal e como se fixo co sistema gasista, acabando cun sistema totalmente sobredimensionado á custa de incrementar as facturas dos consumidores. Instamos o Goberno de España a que faga unha planificación e dimensionamento adecuados, enfocada nas necesidades reais da transición ecosocial no Estado español”, reclaman.

Débense ter en conta os impactos territoriais da produción masiva de hidróxeno verde para a exportación procurada polo Goberno español e autonómicos como o galego.

O escenario denominado como “base” por Enagás contempla producir 1,6 millóns de toneladas de hidróxeno verde no Estado español xa en 2030, o que requiriría a instalación de entre 40 e 60 GW adicionais de enerxías renovábeis, segundo unha análise estimativa realizada pola rede Gas no es solución. A potencia solar fotovoltaica e eólica ascende hoxe a un total duns 56 GW.

Le aquí la carta en castelán e aquí en inglés.