O Goberno resístese a pechar por completo As Pontes sen xustificar de xeito convincente a súa necesidade
(20 de setembro de 2022). Galiza un Futuro sen Carbón cualifica de decepcionante, innecesario e inxustificábel o mantemento de dous dos catro grupos da central de carbón pontesa.
A decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de autorizar o peche de só dous dos catro grupos da central de carbón das Pontes confirma a “excepción galega”: Galicia será o único territorio ibérico onde Endesa, sen pretendelo, poderá queimar carbón para xerar electricidade.
Para a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” trátase dunha decisión reveladora do insuficiente compromiso climático do Goberno estatal que manterá en Galicia un 25% da potencia eléctrica española de carbón (hoxe é o 40%) (1).
A exportación de electricidade a outros estados como xustificación
A serodia e decepcionante resposta do ministerio dirixido por Teresa Ribera á solicitude de peche presentada por Endesa o 27 de decembro de 2019 basease, segundo o propio ministerio, nun informe técnico da empresa operadora do sistema eléctrico (Rede Eléctrica de España, REE, agora Redeia) que non se fixo público.
Galiza un Futuro sen Carbón esixe que se faga público o informe de REE, así como que se aclaren os condicionantes mencionados para manter dous grupos das Pontes sen pechar e o horizonte temporal en que se manterá esta insólita situación.
Do comunicado divulgado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, pode desprenderse que un elemento chave na decisión foi a previsión do mantemento de elevadas exportacións de electricidade a Portugal e a Francia durante os próximos meses, por causa da seca e “a indispoñibilidade de boa parte do parque nuclear francés”.
Nese caso, queimaríase carbón en Galicia para contribuír a atender a demanda eléctrica dun país que abandonou o carbón en 2021 (Portugal) e doutro que, dada a súa insensata aposta pola enerxía nuclear, xerou en 2021 apenas catro veces máis electricidade eólica que Galicia, a pesar de ter unha superficie 18 veces maior (Francia).
Este ano medrarán as emisións de CO2 da produción eléctrica galega
A central de carbón das Pontes está parada desde xullo, mais este ano xa achegou uns 650.000 MWh, un 40% máis que en todo 2021.
Se se activar antes de final de ano, contribuirá aínda máis ao favorecidesperado aumento interanual das emisións de gases causantes de cambio climático da produción eléctrica galega, favorecido pola baixa produción renovable. A electricidade obtida a partir do carbón é a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2).
Nota
1.O Goberno tamén ten pendente resolver o peche definitivo da queima de carbón en Asturias, Andalucía e Baleares por diversos motivos.
1 comentario
A central de gas das Pontes foi a maior fábrica galega de cambio climático en 2022 - Un futuro sen carbón · 20 Abril, 2023 ás 10:32 a.m.
[…] carbón, tamén propiedade de ENDESA, foi a terceira industria galega con maior impacto climático. En setembro pasado o Ministerio para a Transición Ecolóxica adiou o seu peche, que previsibelmente se producirá durante este […]
Os comentarios están cerrados.