‘Galiza, un futuro sen carbón’ lamenta o apoio da Deputación da Coruña á continuidade das térmicas das Pontes e Meirama até 2045

Publicado por Galiza sen gas o

(5 de decembro de 2018). O 30 de novembro, o pleno da Deputación da Coruña aprobou senllas mocións, presentadas polo PSOE e o PP, demandando a continuidade das centrais de carbón “como mínimo até 2045”.

A moción promovida polo PSOE contou coa abstención do PP e o apoio favorable do BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños de Oleiros.

O PP non apoiou a moción do PSOE porque o PP defende a concesión de axudas públicas ás centrais para a súa adaptación á nova normativa de emisións contaminantes, algo prohibido pola UE. De feito, esta ten aberto expediente a España para que se reintegren as axudas públicas concedidas a estas empresas por un valor de 440 millóns de euros, polas adaptacións feitas en 2008. A moción do PP foi aprobada grazas ao respaldo do BNG e Alternativa dos Veciños e á abstención da Marea Atlántica e Compostela Aberta1.

Todos os partidos coas centrais de carbón

O consenso político a favor do carbón acadado na Deputación da Coruña reflicte ben a irresponsabilidade climática das forzas políticas galegas. Continúan impermeables aos chamados da comunidade científica e de parte da cidadanía a favor dunha ambiciosa e urxente acción climática.

As centrais de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Naturgy) están a achegar de media o 34% das emisións anuais galegas de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro. Para a Unión Europea contribuír ao cumprimento do Acordo de París, é prioritario pechar todas as térmicas de carbón ao longo da próxima década. Todos os estados de Europa occidental, agás España e Alemaña, xa estabeleceron calendarios para o peche destas centrais até 2030. No entanto, no caso alemán xa existe unha comisión do carbón tratando o tema.

Fábricas de cambio climático e de danos para a saúde

As centrais de carbón non só son fábricas de cambio climático por causa das emisións de CO2 . Tamén son fábricas de danos para a saúde humana, debido ás súas emisións de partículas e gases tóxicos. Segundo o informe Last Gasp: The coal companies making Europe sick2 , as centrais de carbón das Pontes e Meirama provocaron 143 mortes prematuras durante 2016.

Ademais, foron responsábeis de 5.000 casos de síntomas de asma en nenos e nenas e de 117 ingresos hospitalarios. Os custos sanitarios atribuídos aos ingresos hospitalarios e máis á perda de 52.000 días de traballo estimáronse en até 430 millóns de euros3.

Catro anos e medio sen cumprir a DEI

Despois de conseguiren unha exención de catro anos e medio, as centrais de carbón das Pontes e de Meirama deben adaptarse aos límites de emisións marcados pola Directiva de Emisións Industriais (DEI). Só así poderán seguir funcionando a partir de xullo de 2020. Na central das Pontes xa se están a executar as obras necesarias. Naturgy aínda non decidiu se prorrogará ou non a vida da súa térmica de Meirama.

A entrada en vigor da DEI reducirá as emisións de partículas e gases tóxicos (dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno) das centrais de carbón, mais non as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima de carbón. Con todo, seguirán a ser importantes e innecesarios focos de contaminación tóxica.

Fin do carbón en 2025, a máis tardar 

‘Galiza, un futuro sen carbón’ demanda o peche das centrais de carbón, a máis tardar, en 2025, garantindo unha transición xusta para os centos de traballadores e traballadoras afectadxs. Este obxectivo é viable sen pór en risco o subministro eléctrico en Galicia, dada a capacidade de produción eléctrica xa instalada e o alto potencial de aforro enerxético e de desenvolvemento das enerxías renovables.

NOTAS

1. O pleno da Deputación demanda a continuidade das centrais térmicas das Pontes e Meirama (https://www.dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=3355).

2. “Last Gasp: The coal companies making Europe sick” é un informe elaborado e impulsado por Europe Beyond Coal, Sandbag,Greenpeace o European Environmental Bureau

3. A metodoloxía de impacto na saúde utilizada no informe baséase nas recomendacións do proxecto “Riscos de saúde da contaminación do aire en Europa” (HRAPIE) da Organización Mundial da Saúde en Europa sobre avaliacións de impacto na saúde da contaminación do aire. Inclúe modelos atmosféricos co modelo informático do Centro Europeo de Monitoreo e Avaliación Meteorolóxica de Sintetización – Oeste (EMEP MSC-W), que tamén emprega a Axencia Europea de Medio Ambiente para as avaliacións da Comisión Europea dos impactos na saúde da contaminación do aire en Europa. Este informe non tenta cuantificar todas as incidencias de saúde reais nin os seus custos reais.

Categorías: Noticias