A proposta do Plan de Enerxía e Clima non pecha a central de carbón das Pontes antes de 2025
(22 de febreiro de 2019). A proposta do paquete de clima e enerxía aprobado hoxe polo Consello de Ministras non estabelece un calendario de peche obrigatorio para cada unha das centrais de carbón españolas.
Perante o estado de emerxencia climática global, “Galiza, un futuro sen carbón” coida necesario pechar a central de carbón das Pontes antes do fin de 2025, xunto coas demais centrais de carbón do Estado, así como non dilatar máis o peche nuclear.
O Goberno estatal peca de falta de ambición climática nos documentos do paquete de clima e enerxía presentados hoxe, ao prever o abandono do carbón cara 2030. Cede así ás presións, entre outros, de Endesa, da Xunta de Galicia ou do propio PSdG.
Unha xigantesca fábrica de cambio climático
Ampliar a vida da central das Pontes até 2030 agrandaría aínda máis a pesada herdanza de mudanza climática que acumulou nas últimas catro décadas. Cada ano, emite tanto dióxido de carbono (CO2) como Uruguai ou Letonia ao queimaren combustíbeis fósiles (1).
Cunha aposta suficiente polo aforro e a eficiencia enerxética e pola expansión das enerxías renovábeis sería posíbel ter pechadas todas as centrais de carbón e nucleares españolas en 2025. Así o entende tamén o Consello Asesor para a Transición Ecolóxica da Economía do PSOE, presidido por Teresa Ribera antes de ser nomeada ministra para a transición ecolóxica.
Galicia xa non necesita o carbón
No caso de Galicia, coa potencia eléctrica xa instalada e prevista a curto prazo, sería posíbel pechar as dúas centrais de carbón en 2020 asegurando o consumo interno de electricidade.
Naturgy solicitou o peche da central de Meirama en 2020. Porén, Endesa pretende prorrogar a vida da das Pontes até a década de 2040. O paquete de enerxía e clima presentado hoxe prevé 4,5 GW (xigavatios) de potencia con carbón en 2025. En 2030 ficaría reducida a 0-1,3 GW.
O 71% da capacidade galega de produción eléctrica con carbón corresponde aos 1,4 GW da central de carbón das Pontes. É a máis potente do Estado español.
É unha das maiores fábricas europeas de cambio climático. En 2017, a central das Pontes foi a 19º industria de toda a UE con maior impacto climático. Lanzou á atmosfera 8,1 millóns de toneladas de CO2.
A central de carbón das Pontes emite máis CO2 que todo o tráfico de vehículos en Galicia (2). As obras ás que esta a ser sometida reducirán as súas emisións tóxicas (SOX, NOX, partículas) mais non as de CO2.
Alongar innecesariamente a vida da central de carbón das Pontes agrava a crise climática, constitúe un atranco para a urxente transición cara a un sistema eléctrico 100% renovábel, xusto, equitativo e en mans das persoas, e acentúa a dependencia enerxética externa de Galicia. Ademais, estende a destrución socioambiental asociada á extracción de carbón (hoxe exportada sobre todo a Indonesia) e afortala o oligopolio eléctrico.
NOTAS
1. Segundo a Axencia Internacional para a Enerxía, as emisións de CO2 asociadas á queima de combustíbeis fósiles para todo tipo de usos ascendeu a 6,3 e 6,8 millóns de toneladas en Uruguai e en Letonia, respectivamente, durante 2016 (ano máis recente con datos). En 2013-2017 a central das Pontes emitiu unha media anual de 7,2 millóns de toneladas de CO2.
2. Segundo o Ministerio para a Transición Enerxética o sector do transporte en Galicia emitiu 5.789.340 toneladas de CO2eq. en 2016. Despois do eléctrico, é o segundo do noso país con maiores emisións.