Lei do clima de Galicia

Publicado por Galiza sen gas o

(22 de marzo de 2022). Presentamos achegas á consulta previa da futura lei galega do clima, unha oportunidade para elevar a insuficiente ambición climática da Xunta. A presente década é crucial para a mitigación da crise climática, polo que urxe dotármonos dunha lei propia de cambio climático que acelere a redución das emisións de gases de invernadoiro.

Obxectivo 1,5 ºC

A emerxencia climática reclama unha ambición política moito maior en materia de recorte das emisións galegas dos gases causantes de cambio climático.

Demandamos que os obxectivos e medidas da futura lei galega de cambio climático estean en liña coa meta de evitar un quecemento global superior a 1,5 graos. Para iso, é necesario eliminar a maioría das emisións de gases de invernadoiro xa durante a presente década.

-65% de emisións de GEI antes de 2030

Propomos que a lei do clima de Galicia fixe un obxectivo de redución das nosas emisións territoriais de gases de efecto invernadoiro (GEI) de polo menos o 65% para o ano 2030,  a acadar de forma progresiva, tomando como base de cálculo o ano 1990.

Tamén cómpre adiantar a consecución da neutralidade climática a 2040, cunha redución das emisións de polo menos o 90%.

O obxectivo actual da Xunta para 2030 é de tan só -24,6%. O colapso da produción eléctrica con carbón, non desexado pola Xunta, xa o atinxiu con dez anos de anticipación. A finais do ano pasado a Xunta anunciou que o aumentará até -55%.

Sector eléctrico 100% renovábel antes de 2030

Para facer posíbel a senda de redución das emisións necesaria é prioritaria a descarbonización total do sector eléctrico antes de 2030.

A central de carbón das Pontes cesará a súa actividade en 2022, segundo o previsto por Endesa. A lei do clima debera definir un plan de ruta para o peche ao longo da presente década das centrais de ciclo combinado de gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy).

A futura lei é un marco adecuado para definir un calendario para o abandono do gas fósil na xeración eléctrica, como tamén o entendeu o Parlamento das Illas Baleares. A Lei balear 10/2019, de 22 de febreiro, de cambio climático e transición enerxética, establece, na súa disposición adicional cuarta, un plan de ruta para o peche ou transformación das centrais eléctricas fósiles situadas en territorio balear.  Promóveno as institucións autonómicas en colaboración, no seu caso, coa Administración Xeral do Estado e o operador do sistema eléctrico.

Planificación enerxética galega

A lei do clima debería impulsar unha planificación enerxética real para Galicia, que contabilizase diferentes escenarios de consumo e xeración enerxética para os vindeiros anos, con revisións periódicas, que especificase canta enerxía se vai necesitar, como e onde se vai producir e quen a poderá xerar.

Tamén é preciso determinar obxectivos claros de redución de emisións e transición xusta para os diferentes sectores.

 

 

Categorías: Noticias

3 comentarios

2021 confirmou a agonía do carbón en Galicia - Un futuro sen carbón · 29 Marzo, 2022 ás 10:35 a.m.

[…] Achegas de “Galiza, un futuro sen carbón” á consulta pública previa da Lei do Clima de Galicia: https://unfuturosencarbon.org/a-lei-galega-do-clima-debe-desfosilizar-o-sector-electrico-antes-de-20…. […]

O ano 2021 confirmou a agonía do carbón en Galicia • Ecologistas en Acción · 30 Marzo, 2022 ás 8:47 a.m.

[…] Para atinxirmos o obxectivo de -65 % é fundamental desfosilizar o sector eléctrico antes de 2030. Por iso, propomos á Xunta que a lei de cambio climático defina un plan de ruta para o peche das centrais de gas fósil nos próximos anos. Este debería encadrarse nun plan enerxético galego que aposte por un escenario de produción e consumo acorde cunha transición enerxética rápida, xusta e sustentábel 4. […]

Galiza confirma a agonía do carbón en 2021 - Verdegaia · 6 Abril, 2022 ás 10:34 a.m.

[…] Achegas de “Galiza, un futuro sen carbón” á consulta pública previa da Lei do Clima de Galiza: https://unfuturosencarbon.org/a-lei-galega-do-clima-debe-desfosilizar-o-sector-electrico-antes-de-20…. […]

Os comentarios están cerrados.