A desvergoña climática de Feijoo

Publicado por Galiza sen gas o

(13 de maio de 2021). A caída da produción eléctrica das centrais de carbón é a causa do descenso das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI) nun 24,5% entre 2018 e 2019. E non a aplicación da estratexia climática da Xunta, como se gabou onte Alberto Núñez Feijoo despois do Consello da Xunta.

Segundo os datos oficiais, as emisións de CO2 e outros GEI de Galicia baixaron de 29,7 a 22,4 millóns de toneladas entre 2018 e 2019, ano máis recente con datos (1).

Este forte descenso das emisións foi debido á queda da produción eléctrica con carbón provocada pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións (2). Por iso, as emisións das centrais de carbón galegas baixaron de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas entre 2018 e 2019. O carbón é o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2.

A Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) da Xunta nada ten que ver coa histórica diminución das emisións territoriais de CO2 de Galicia durante 2019. De feito, se excluímos as emisións das centrais de carbón, as emisións galegas de GEI non só non baixaron senón que mesmo medraron, pasando de 19,6 millóns de toneladas en 2018 a 19,9 en 2019.

A Xunta combateu o colapso do carbón na produción eléctrica galega

É un descaro atribuír ás políticas autonómicas “unha aceleración da redución das emisións” causada en realidade por un feito  que nada ten que ver con elas (3).

Máis aínda, a Xunta de Galicia, con Núñez Feijóo á cabeza, ten combatido con todas as súas forzas, como é público e notorio, o colapso do carbón na produción eléctrica galega e o peche das centrais de Meirama (efectivo en xullo de 2020) e das Pontes (xa confirmado para os próximos meses).

Por outro lado, provoca estupefacción que Núñez Feijoo critique a insuficiente meta estatal de redución das emisións de GEI para 2030, de tan só o 23% a respecto de 1990.

A meta da EGCCE  apenas supera a estatal (-24,6%) e, ademais, o esforzo que debe facer Galicia para acadala é bastante menor, pola súa mellor situación de partida. De feito, en 2019 as emisións galegas foron un 23,9% inferiores ás de 1990. Desde Galiza, un futuro de carbón entendemos que o recorte das emisións debería atinxir polo menos o 65% para 2030.

Unha proba da enorme falta de ambición climática da Xunta é que, no tocante á redución das emisións das centrais térmicas (de carbón e gas fósil), o obxectivo da EGCCE para 2030 (-54,3%) xa foi amplamente superado en 2020 (-82,7%) (4).

Notas

1.Os datos actualizados para a serie 1990-2019 poden consultarse na web do Ministerio para a Transición Ecolóxica: https://www.miteco.gob.es/es/calidad-y-evaluacion-ambiental/temas/sistema-espanol-de-inventario-sei-/emisionesgeiporccaaserie1990-2019_tcm30-524644.pdf

2. A perda de peso do carbón no mix eléctrico galego, iniciada en 2019, foi de tal magnitude que, en só dous anos, o carbón pasou de achegar un 30-40% da produción eléctrica galega ao 5,5% en 2020. Máis información en: https://unfuturosencarbon.org/a-producion-electrica-con-carbon-baixou-o-455/

3. A Consellería de Medio Ambiente divulgou onte o comunicado “Galicia acelera a redución de emisións grazas á súa Estratexia de cambio climático, que executou xa máis de 317 millóns de euros durante o primeiro ano de vixencia” (https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58000/galicia-acelera-reducion-emisions-grazas-sua-estratexia-cambio-climatico-que).

4.Máis información en https://unfuturosencarbon.org/a-central-de-carbon-das-pontes-e-alcoa-son-os-maiores-emisores-de-co2-en-galicia/.


2 comentarios

Galiza: un Futuro sen Carbón celebra tres anos na procura do abandono do carbón - Verdegaia · 2 Decembro, 2021 ás 10:58 a.m.

[…] 3.Unha redución provocada pola queda da produción das centrais de carbón, cuxa continuidade indefinida defendeu a Xunta, a pesar do cal non dubida en presumir reiteradamente desta diminución das emisións de GEI, como fixo por exemplo o seu presidente nas recentes xornadas “El reto de la transición energética en las empresas de Galicia (26 de novembro)” e en ocasións anteriores (https://unfuturosencarbon.org/a-desvergona-climatica-de-feijoo/). […]

A lei galega do clima debe desfosilizar o sector eléctrico antes de 2030 - Un futuro sen carbón · 22 Marzo, 2022 ás 7:03 p.m.

[…] obxectivo actual da Xunta para 2030 é de tan só -24,6%. O colapso da produción eléctrica con carbón, non desexado pola Xunta, xa o atinxiu con dez anos d…. A finais do ano pasado a Xunta anunciou que o aumentará até […]

Os comentarios están cerrados.