A central de gas das Pontes foi a maior fábrica galega de cambio climático en 2022

Publicado por Galiza sen gas o

(20 de abril de 2023). A central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes emitiu 1,22 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) durante 2022, converténdose na maior fábrica de cambio climático de Galicia.

Segundo os datos divulgados pola Comisión Europea (1), a veciña central de carbón, tamén propiedade de ENDESA, foi a terceira industria galega con maior impacto climático. En setembro pasado o Ministerio para a Transición Ecolóxica adiou o seu peche, que previsibelmente se producirá durante este ano.

Aumento da produción das centrais térmicas en 2022

A seca e o estancamento da potencia renovábel instalada favoreceron que a xeración de electricidade con gas fósil nas centrais de ciclo combinado medrase o 37% en Galicia durante o pasado ano, segundo os datos de Rede Eléctrica de España. Isto  fixo que as centrais de gas das Pontes e de Sabón (Arteixo) fosen respectivamente a primeira e a cuarta maiores  fábricas de cambio climático do noso  país.

A baixada na produción hidroeléctrica e o parón no desenvolvemento renovábel tamén axudaron a que a produción eléctrica con carbón crecese o 87% con respecto ao ano anterior. Así, as emisións da central das Pontes, que debería ter pechado a mediados de ano, disparáronse até case un millón de toneladas, situándose moi perto do segundo maior emisor, a refinaría de petróleo da Coruña. 

A planta de alúmina-aluminio de San Cibrao pasou de ser a maior emisora industrial de gases causantes de cambio climático en 2021 a ser a quinta en 2022, debido ao parón na fabricación de aluminio planificado por Alcoa até 2024.

Multiplícanse as emisións das centrais de ciclo combinado a gas fósil

O atraso na transición enerxética está a propiciar que o caro e contaminante gas fósil ocupe unha parte considerábel do oco deixado pola caída no uso do carbón na produción eléctrica rexistrada a partir de 2019. Por iso, as emisións de gases causantes de cambio climático das centrais de gas das Pontes e de Sabón multiplicáronse por 4 e por 22, respectivamente, entre 2018 e 2022. 

Se se compara o balance eléctrico  anual de 2022 co de 2018 obsérvase que o  descenso da produción con carbón, a menor xeración renovábel por causa da seca e do escaso incremento da potencia renovábel e a redución da achega das centrais de coxeración con produtos petrolíferos e gas fósil, foron compensados polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil, pola diminución da demanda interna debida á menor actividade da industria electrointensiva e ao estancamento da electrificación e máis pola redución das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica.

 

O incremento da actividade tanto das centrais de gas fósil das Pontes e Sabón como da central de carbón das Pontes provocou que as emisións conxuntas de gases de invernadoiro das centrais térmicas (carbón máis gas) subisen até 2,85 millóns de toneladas en 2022, cifra un pouco superior á das emisións asociadas ao uso de combustíbeis fósiles en toda a  industria galega non enerxética. En 2020, ano máis recente con datos oficiais divulgados, as emisións territoriais totais de Galicia ascenderon a 18,6 millóns de toneladas. 

O aumento da produción da central de carbón das Pontes e dos ciclos combinados fixo que as emisións causantes de cambio climático da produción eléctrica galega medrasen un 30% en 2022 con respecto ao ano anterior

Superado o insuficiente obxectivo de redución da Xunta

Porén, as emisións causantes de cambio climático das centrais térmicas en 2022 foron un 79% inferiores ás de 1990. Polo tanto, en 2022 superouse amplamente o cativo obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) recollido na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050. 

Desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” agardamos que en 2023 peche definitivamente a central de carbón das Pontes.

Ademais, consideramos necesario e factíbel o peche das centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990. Meta consecuente coas responsabilidades e capacidades da nosa terra para contribuír a que o quecemento global non supere os 1,5ºC.

Nota

1. Datos de emisións verificadas no marco do mercado europeo de emisións e publicados pola Comisión Europea. Dispoñibles en https://ec.europa.eu/clima/policies/ets/registry_en#tab-0-1

 

 


1 comentario

Ningunha candidatura aclara se quere que a central de carbón das Pontes peche por fin este ano - Un futuro sen carbón · 21 Xullo, 2023 ás 10:50 a.m.

[…] de carbón das Pontes aínda é unha das maiores fábricas de cambio climático do noso país. En 2022 foi a terceira industria con maiores emisións de gases de invernadoiro, só por detrás da veciña central de gas fósil das Pontes, tamén propiedade de Endesa, e da […]

Os comentarios están cerrados.