O Estado español aumenta a súa dependencia do gas de fracking estadounidense

Un novo informe da rede Gas no es solución revela que os Estados Unidos de América (EUA) consolidánse como un dos principais exportadores de gas fósil ao Estado español. Cos datos dispoñíbeis até setembro, pódese afirmar que 2025 foi o ano con maiores importacións españolas de gas estadounidense, exceptuando 2022. Os EUA poden ter sido o segundo maior fornecedor de gas natural a España en 2025.
No que atinxe á nosa terra, os últimos datos dispoñíbeis apuntan que os EUA foron o segundo maior subministrador de gas fósil a Galicia en 2024, só atrás de Rusia. O gas estadounidense entra en Galicia a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos. Esta foi pioneira en Europa na importación de gas fósil desde os EUA.
O informe de Gas no es solución subliña que a política enerxética da administración Trump continúa impulsando a expansión dos combustíbeis fósiles, orientando a súa produción cara á exportación. O Estado español xa se sitúa entre os dez maiores importadores de gas fósil licuado procedente dos EUA.

Fonte: Gas no es solución.
Un 80% do gas estadounidense é de fracking
Aproximadamente o 80% do gas estadounidense extráese mediante fracking, unha técnica prohibida en España polos seus graves impactos ambientais e sociais: contaminación da auga, riscos para a saúde e vulneración de dereitos humanos. Mesmo o Parlamento galego pronunciouse en 2013 por unanimidade contra a posíbel utilización desta técnica no noso país.
A pesar do anterior, nun exemplo notábel de hipocrisía ambiental, Galicia e Europa continúan importando gas extraído con esta impactante técnica, sen ningunha meta para porlle fin.
Do Golfo de México a España
En 2024, máis do 94% do gas estadounidense importado polo Estado español procedeu de plantas de gas fósil licuado situadas na costa do Golfo de México (Louisiana e Texas). Estas instalacións sitúanse maioritariamente en comunidades racializadas e de baixos ingresos que sofren pobreza, riscos sanitarios e taxas elevadas de cancro, asma e outras enfermidades vinculadas á contaminación. Un claro caso de racismo ambiental.
O informe de Gas no es solución mostra que a metade dos 12 principais bancos globais que financian combustíbeis fósiles e catro das dez maiores petroleiras do mundo son estadounidenses. Empresas españolas como Naturgy, Endesa ou Repsol e bancos como o Santander, La Caixa ou BBVA, tamén participan nesta cadea de subministración e financiamento da enerxía fósil.