Laboratorio de Enerxías Renovables en Compostela para coñecer o impacto do noso consumo enerxético
(4 de abril de 2019). A organización ecoloxista Amigos da Terra e a cooperativa de enerxía verde Nosa Enerxía, como integrantes da plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, organizaron un Laboratorio de Enerxías Renovables que se poderá visitar mañá venres 5 de abril na Praza Roxa de Santiago. Forma parte da cuarta edición do “Compostela + Solidaria”.
Entre as 16.30 e as 20 h, quen se achegar á Praza Roxa compostelá encontrará un mostrario de enerxías renovables (solar, eólica, hidróxeno) e poderá coñecer mellor o impacto do noso consumo enerxético na xeración de cambio climático e como os países do Sur global son os principais prexudicados. Haberá persoas expertas para explicar as distintas tecnoloxías.
Compostela + Solidaria
Esta actividade forma parte da cuarta edición do “Compostela + Solidaria”, un programa de sensibilización que se celebra do 2 ao 13 de abril en distintos espazos da cidade de Santiago. Está promovido polo Concello e a Coordinadora Galega de ONGD. Ademais do Laboratorio de Enerxías Renovables, inclúe diversas actividades que xiran arredor de temas como o consumo responsable, o comercio xusto, a loita da comunidade LGTBI no Salvador, o dereito de acceso a medicamentos ou a radio como ferramenta de educomunicación.
Tamén se inclúe no programa de “Compostela + Solidaria” a segunda edición da Mostra de curtametraxes sociais no cinema Numax.