Centrais térmicas de carbón: caras, perigosas e totalmente innecesarias

Publicado por Galiza sen gas o

(22 de abril de 2019) No Día da Terra publicamos o informe “O prezo do carbón”, sobre o impacto ambiental das centrais de carbón das Pontes e Meirama.

O informe demostra a viabilidade do abandono da xeración eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de gases causantes de cambio climático.

Estas son as conclusións máis destacábeis de “O prezo do carbón”, que se pode descargar completo AQUÍ.

-Galiza figura entre as 25 rexións da UE con maior capacidade de produción de electricidade a partir de carbón. No período 2013-2017 o carbón forneceu, por termo medio, o 34% da produción eléctrica anual.

Sen embargo, a nosa terra podería abandonar axiña o carbón sen pór en risco a súa subministración eléctrica. Por tres razóns: 1) a potencia eléctrica renovábel xa instalada; 2) a dispoñibilidade de dúas infrautilizadas centrais de ciclo combinado a gas natural cunha potencia total de 1.247 MW; e 3) o excedente eléctrico, cuxa media anual, nos últimos cinco anos, foi igual á produción das centrais de carbón.

A central de carbón das Pontes (Endesa) é unha das maiores fábricas de cambio climático da UE.

-As emisións anuais por habitante de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes de invernadoiro ascenden en Galicia a 10,3 toneladas. Son superiores á media española (6,99) e da UE (8,4). O 33,3% proceden da xeración eléctrica con carbón. Galiza é unha das rexións europeas con maiores emisións de CO2 orixinadas pola queima de carbón. Tanto en termos relativos como absolutos.

-As dúas térmicas de carbón galegas, alén de produciren cambio climático, son enormes focos de contaminación atmosférica. Son a principal fonte de óxidos de xofre (SOX), ao suporen máis do 40% de todas as emisións galegas deste gas. E a segunda maior fonte de óxidos de nitróxeno (NOX), só por detrás do transporte.

Ademais, están na orixe das únicas situacións de contaminación do aire por ozono troposférico (O3) que ocorren no norte de Galiza.

As súas emisións tóxicas á atmosfera provocaron 143 mortes prematuras durante 2016. Ademais de custos sanitarios avaliados en até 429 millóns de euros.

-Desde 2008 as centrais de Meirama e As Pontes só queiman carbón de importación. Polo tanto, están a exportar toda a deterioración socioambiental vencellada á extracción do carbón que usan.

O 86% dos 22,62 millóns de toneladas de carbón importadas entre 2014 e 2018 procederon de Indonesia, onde os custos ecolóxicos e sociais da minaría de carbón son moi altos.

En Galiza, a prioridade número un da loita contra a crise climática é o peche da central de carbón das Pontes. É a única que seguirá aberta despois do peche da de Meirama.

Durante 2018, a central de carbón das Pontes foi a 17ª industria con maiores emisións de CO2 de toda a UE. As súas emisións anuais de CO2 non se reducirán coa reforma da que está a ser obxecto. Son similares ás provocadas pola queima de todo tipo combustíbeis fósiles en pequenos estados como Uruguai ou Letonia.

A central de carbón de Meirama pechará en 2020 por decisión de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa).
Que pedimos ás institucións?

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” pide á Xunta e ao Goberno estatal que garantan o peche da central de carbón das Pontes, a máis tardar, en 2025.

Para iso, deberían negociar coa empresa e os sindicatos un Convenio de Transición Xusta, figura prevista no Marco Estratéxico estatal de Enerxía e Clima. En Mallorca desenvolveuse unha negociación entre institucións e Endesa para acordar o peche progresivo da central de carbón de Es Murterar. O mesmo que a das Pontes, está formada por catro grupos, dous dos cales pecharán xa en 2020.

Só abandonando canto antes o uso do carbón na xeración eléctrica será posíbel alcanzar obxectivos de redución das emisións de gases causantes de cambio climático en liña coa meta do Acordo de París de non superar o 1.5º C de quecemento global.

Neste sentido, a plataforma vén de presentar alegacións á Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta. Propomos unha redución mínima do 55% das emisións en 2030 con respecto a 1990 e o logro de emisións netas cero en 2040.

As alegacións da plataforma pódense consultar nesta ligazón.


3 comentarios

Resumo blogueiro: maio 2019 - ESF Galicia · 7 Maio, 2019 ás 5:14 p.m.

[…] Centrais térmicas de carbón: caras, perigosas e totalmente innecesarias […]

A eléctrica italiana Enel, propietaria de Endesa, non ve futuro no carbón máis alá de 2030 - Un futuro sen carbón · 17 Maio, 2019 ás 11:52 a.m.

[…] se recolle no noso informe O prezo do carbón, Rusia e Colombia son, xunto a Indonesia, a orixe de case todo o carbón importado en Galicia para […]

Quen se compromete a defender no Europarlamento o peche da central de carbón das Pontes antes do fin de 2025? - Un futuro sen carbón · 23 Maio, 2019 ás 9:58 p.m.

[…] amosamos no noso informe O prezo do carbón, Galicia é un dos territorios da UE onde a queima de carbón para producir electricidade ten maior […]

Os comentarios están cerrados.