A aposta desproporcionada polo gas fósil atrasa a transición enerxética en Galicia

Publicado por Galiza sen gas o

O gas fósil, tamén chamado gas natural, ten actuado como unha barreira para a transición enerxética en Galiza. É o que pon de manifesto o informe ‘Gas natural, o combustíbel fósil que atrasou a transición enerxética’, elaborado pola plataforma Galiza Sen Gas baseándose nos datos oficiais máis recentes.

No que levamos de século, marcado pola intensificación da crise climática global, en Galicia aumentou máis o uso de gas fósil que o de todas as enerxías renovábeis xuntas.

Sobrecapacidade gasista

A aposta desproporcionada pola gasificación de Galicia feita polos gobernos e as empresas enerxéticas xerou unha infraestrutura gasista (regasificadora, rede de gasodutos, centrais eléctricas de ciclo combinado) sobredimensionada que competiu eficazmente co desenvolvemento das enerxías renovábeis eléctricas e térmicas.

Un exemplo é que o incremento acumulado da produción eléctrica das centrais de gas (ciclos combinados) de Sabón e As Pontes en 2008-2024 con respecto a 2007 (34.316 GWh) superou á dos parques eólicos (30.077 GWh), mesmo a pesar do seu baixo grao de utilización.

A entrada en funcionamento en 2007 da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos posibilitou un salto no emprego do gas fósil e o agravamento dos impactos socioambientais asociados.

Ademais de contribuír á deterioración do medio ambiente local, a regasificadora de Mugardos permitiu a importación de gas natural licuado. Este é aínda máis intensivo en carbono –e polo tanto máis prexudicial para o clima- que o de gasoduto. Especialmente cando se extrae mediante a técnica do fracking, como a maioría do que provén dos Estados Unidos de América (EUA), de onde Galicia importa gas desde 2016.

As importacións galegas de gas fósil están ligadas a abusos dos dereitos humanos e á destrución do territorio nos países de orixe. África e Rusia teñen sido até hoxe os principais fornecedores.

Todo o importado até 2007 foi de gasoduto, procedente de Alxeria. A partir de 2007 a maioría do gas recibiuse como gas licuado transportado en barcos metaneiros até a regasificadora de Mugardos. Sete países concentran o 91% dos metaneiros descargados nesta planta até 2023: Nixeria, Rusia, Trindade e Tobago, EUA, Perú e Alxeria.

A regasificadora de Mugardos posibilitou un salto na gasificación

A posta en marcha da regasificadora de Reganosa, cuxa legalidade aínda se está a dirimir no Tribunal Supremo, fixo posíbel que Galicia se convertese en reexportadora de gas fósil, mais a grande maioría do gas importado destínase ao consumo interno.

Despois de ascender de forma continuada nos primeiros 10 anos do proceso de gasificación (1998-2008), o consumo enerxético de gas fósil experimentou altos e baixos para retomar desde 2014 unha senda ascendente, atinxindo o seu teito en 2019-2022.

As centrais eléctricas de ciclo combinado e a industria acaparan conxuntamente un 85-90% do consumo anual galego. A demanda dos fogares representa un 5-10% da total.

Hidróxeno verde: táboa de salvación do sector gasista?

En Galicia non só se utiliza o gas fósil como fonte de enerxía senón tamén como materia prima para a fabricación de hidróxeno cincento, necesario no proceso produtivo da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña.

Paralelamente ao descenso progresivo da actividade da refinaría, até o seu peche ou transformación, sería preciso substituír canto antes o hidróxeno cincento por verde, obtido a partir de electricidade renovábel.

Non obstante, a pretensión do sector gasista de usar o hidróxeno verde como vía para manter a súa posición no sistema enerxético é unha ameaza para unha transición enerxética rápida e xusta. 

Por un lado, podería competir coa electrificación directa, máis eficiente. Por outro lado, podería converter Galicia nun hub exportador de hidróxeno verde cara ao centro de Europa, grazas a proxectos como o H2Med, co que se integraría o hidroduto Guitiriz-Zamora, impulsado por Reganosa e Enagás. Iso desviaría produción eléctrica limpa da desfosilización do noso sistema enerxético.

 

Abandonarmos o gas fósil antes de 2035

Para cumprir o Acordo de París, Galicia debe deixar de usar gas fósil antes de 2035. O primeiro paso é pór fin ao seu emprego na produción eléctrica antes de 2030, pechando as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

Un obxectivo factíbel se se ampliar a capacidade de produción e almacenamento de electricidade limpa e se mellorar a xestión da demanda. Abandonado de vez o carbón en 2023, o gas natural é o próximo combustíbel fósil que podemos deixar atrás no camiño cara a un modelo enerxético totalmente renovábel en 2040.

Acción diante da central eléctrica de ciclo combinado de Sabón (Naturgy).

Informe completo

Gas natural, o combustíbel fósil que atrasou a transición enerxética