O gas fósil en Galicia

O gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo recurso enerxético máis usado en Galicia, ficando só atrás do petróleo. Pero mentres o uso enerxético do petróleo, moi influído pola actividade da refinaría da Coruña, tende a diminuír lentamente, e o do carbón rematou en 2023, ao pechar  a central das Pontes, o emprego do gas fósil medrou fortemente no que levamos de século. Incluso máis que as enerxías renovábeis!. 

O gas fósil, presentado ás veces enganosamente como “limpo”, está a ter un protagonismo na transición enerxética moito maior do que xa debera ter a estas alturas.

Gas natural: tan fósil como o petróleo e o carbón

O gas natural é un combustíbel fósil con múltiples impactos asociados á súa extracción, transporte e consumo, especialmente cando se extrae mediante fractura hidráulica (“fracking”). Esta agresiva técnica para a extracción de gas e petróleo en rochas porosas está prohibida en territorio español mais, a pesar diso, importamos gas de “fracking” sen restricións. É o caso da maioría do procedente dos Estados Unidos de América, un dos principais subministradores de Galicia. 

A utilización do gas fósil provoca contaminación atmosférica e contribúe á crise climática. Na súa combustión emítese dióxido de carbono (CO2), gas de efecto invernadoiro, alén de contaminantes atmosféricos, como os óxidos de nitróxeno (NOx).

Por outro lado, durante a extracción e transporte do gas fósil teñen lugar, en maior ou menor medida, fugas de metano (CH4), un gas con moitísimo maior impacto climático a curto prazo que o CO2. Hai que ter en conta que o gas fósil é un 90% metano.

A infraestrutura gasista

O gas usado en Galicia chega até nós a través da rede ibérica de gasodutos e, sobre todo, en barcos metaneiros como gas licuado descargado na regasificadora de Mugardos (Reganosa), construída no interior da ría de Ferrol entre múltiples irregularidades e fortes protestos sociais.

Regasificadora de Mugardos. É propiedade da enerxética galega Reganosa, en cuxo capital participa a Xunta.

A regasificadora de Mugardos abastece, mediante gasodutos, as centrais eléctricas de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy), así como a refinaría de petróleo da Coruña (Repsol), unha grande consumidora de gas fósil. No período 2019-2023 os ciclos combinados achegaron entre o 9 e o 22,6% do total da electricidade producida anualmente en Galicia.

Ciclo combinado das Pontes (800 MW), situado a carón da antiga central de carbón.

Ciclo combinado de Sabón (400 MW), no polígono industrial do mesmo nome en Arteixo.

Non só se obtén electricidade con gas fósil nas centrais de ciclo combinado. Existen 36 centrais de coxeración que empregan gas fósil para obter simultaneamente electricidade e calor coa finalidade de abastecer algunhas industrias e servizos. Distribuídas por toda Galicia, suman unha potencia de 203,5 MW.  Xunto coas centrais de coxeración alimentadas con produtos petrolíferos, representan unha autoprodución fósil industrial/comercial.

A maior central de coxeración con gas é a da fábrica de bioetanol de Curtis (Vertex Bioenergy), con case 25 MW de potencia.

A regasificadora de Mugardos tamén carga gas en camións cisterna cos que se abastecen consumidores industriais e domésticos de todo o noroeste da Península Ibérica que non contan con acceso á rede de gasodutos, a través de plantas satélite conectadas a redes locais de distribución. En Galicia existen 17 plantas satélite, a maioría nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Os ciclos combinados son grandes fábricas de cambio climático

As centrais de ciclo combinado, que entraron en plena operación en 2008, ademais de seren focos importantes de contaminación atmosférica, figuran entre as industrias galegas con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático.

A central de ciclo combinado das Pontes foi a industria con maiores emisións de gases de invernadoiro en Galicia durante 2022. A de Sabón foi a cuarta. En 2023, o ciclo combinado das Pontes pasou ao segundo lugar, ao ter unhas emisións só un pouco inferiores ás da refinaría de petróleo da Coruña. A central de Sabón mantívose na cuarta posición.

Despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023, os ciclos combinados ocuparán previsibelmente o podio de grandes emisores industriais en Galicia en 2024 e nos seguintes anos, xunto coa refinaría de petróleo.

Para consumo interno e reexportación

Unha parte do gas fósil importado por Galicia é reexportado cara a outros territorios, pero a grande maioría consómese aquí. En 2022, ano máis recente con datos, exportouse o 11% do gas fósil que entrou en Galicia. 

Os esforzos insuficientes na redución do consumo enerxético e no desenvolvemento das enerxías renovábeis están a posibilitar un forte incremento do consumo galego de gas fósil nos últimos anos

O maior aumento estase a rexistrar na produción eléctrica con gas fósil, a cal máis que duplicou entre 2016 e 2022. A pesar de que este debería ser o primeiro ámbito no que se puxese fin ao uso do gas fósil e dos produtos petrolíferos. A loita contra a emerxencia climática obriga a deixar de queimarmos gas para producir electricidade antes de 2030.

A produción eléctrica  acapara o 61% do consumo de gas fósil no noso país (2022). O resto destínase á obtención de calor, agás unha porcentaxe residual consumida no transporte.

Por sectores, a industria, incluíndo a enerxética, acaparou o 90% do consumo galego de gas fósil en 2022. O sector doméstico (fogares) demandou o 5,5% e o de servizos o 3,5%. A porcentaxe destinada ao transporte foi dun 1%.

O gas fósil non só se utiliza en Galicia para obter enerxía senón tamén como materia prima para a produción de hidróxeno cincento.

(Información actualizada a setembro de 2024).