A UE exclúe os hidrodutos entre Galicia e Zamora da lista de Proxectos de Interese Común

Publicado por Galiza sen gas o

A plataforma Galiza sen gas celebra que os hidrodutos A Coruña-Zamora e Guitiriz-Zamora foran excluídos pola Comisión Europea da segunda lista de Proxectos de Interese Común (PCI polas siglas en inglés), no marco do Regulamento sobre as infraestruturas enerxéticas transeuropeas.

Esta exclusión significa que estas infraestruturas para o transporte de hidróxeno non teñen carácter prioritario, polo que non poderán optar a fondos europeos para financiar até o 50% do seu custo.

Ambas as dúas propostas de hidrodutos intégranse no Proxecto H2 Med, que conectaría a península Ibérica con Alemaña, a través do hidroduto submariño Barcelona-Marsella. A plataforma Galiza sen Gas entende que a construción destes hidrodutos é innecesaria e contraproducente para unha transición enerxética rápida e xusta na nosa terra.

Unión ibérica contra o proxecto H2Med para a exportación de hidróxeno verde

Galicia necesita hidróxeno verde para a súa propia descarbonización

A produción de hidróxeno verde a partir de electricidade eólica e solar é necesaria, xunto cunha maior electrificación, para eliminarmos o consumo de gas fósil na industria galega, meta que se debería lograr antes de 2035.

Cómpre lembrarmos que o gas fósil representa o 23% do uso de recursos enerxéticos (enerxía primaria) en Galicia . Aínda que se reexporta unha parte do que chega a Reganosa en metaneiros, a grande maioría do gas fósil utilízase internamente tanto para producir electricidade como para obter calor, nomeadamente industrial. Tamén se emprega gas fósil como materia prima para elaborar hidróxeno fósil, do que a refinaría de petróleo é consumidor.

Á vista do estancamento actual da transición enerxética, non está nada claro que Galicia poida producir o hidróxeno verde que necesita para prescindir rapidamente do gas fósil, a principal fonte de gases causantes de cambio climático xunto co petróleo.

Protesto diante da central eléctrica de ciclo combinado (gas fósil) de Sabón, propiedade de Naturgy.

A construción de hidrodutos que só se xustificarían para a exportación de hidróxeno verde complicaría aínda máis o panorama. Ademais o transporte do hidróxeno a longas distancias é ineficiente. Só interesa á industria centroeuropea e á empresa gasista Enagás, que sería a xestora dos hidrodutos en territorio español e obtería ingresos á marxe do seu uso.

A produción galega de hidróxeno verde debe orientarse ao consumo interno e non á exportación. A conexión de Galicia co Proxecto H2Med a través de Zamora carece de racionalidade ecolóxica e só serviría para canalizar hidróxeno verde galego cara a Alemaña.

Incerteza sobre a produción futura de hidróxeno verde

Un estudo da Comisión Europea (1) pon negro sobre branco que, na lóxica do proxecto H2Med, Galicia exportaría moito máis hidróxeno verde do que demandaría para a súa propia descarbonización.

O estudo estima unha demanda galega, nun escenario medio, de 84.000 toneladas en 2030, que subiría a unhas 200.000 toneladas en 2040 e 2050. Porén, a exportación cara a Castela e León xa podería superar as 200.000 toneladas en 2030, chegando ás 380.000 en 2050.

Fonte: The renewable hydrogen potencial of the Iberian Corredor. Infrastructure Aspects. Comisión Europea.

As anteriores estimacións sobre a produción de hidróxeno verde en Galicia para consumo propio e exportación son claramente irrealistas. Tal vez sexa por iso que a Comisión Europea non considere prioritarios os hidrodutos de conexión coa Meseta.

Polo de agora Galicia non produce unha soa tonelada de hidróxeno verde e todo indica que en 2030 aínda producirá moi poucas. Ademais, o hidróxeno tamén se podería exportar por vía marítima, en forma de amoníaco ou metanol.

Nota

1.The renewable hydrogen potencial of the Iberian Corredor. Infrastructure Aspects. Comisión Europea, febreiro de 2024. Dispoñíbel en https://globalhydrogenhub.com/report-presentation/the-renewable-hydrogen-potential-of-the-iberian-corridor.