Sobre nós

A plataforma “Galiza sen gas” creouse en novembro de 2023 como resultado da transformación de “Galiza, un futuro sen carbón”, plataforma que traballou polo abandono do uso do carbón na xeración eléctrica entre 2018 e 2023. O apagado definitivo da central térmica de carbón das Pontes (Endesa) en outubro de 2023 supuxo o fin do carbón na nosa terra.

“Galiza sen gas” procura o abandono do gas fósil en 2035, a máis tardar. Este é un obxectivo defendido tamén a nivel do Estado español e da Unión Europea por diversas plataformas e organizacións.

Manifesto fundacional
POR UNHA GALIZA SEN GAS FÓSIL

A presente década é crucial para enfrontarmos a emerxencia climática global. O uso de enerxía fósil é a súa maior causa e o seu rápido abandono a principal solución. Mais en Galiza, mentres deixamos atrás o carbón e baixa lentamente o emprego do petróleo, hai unha fonte de enerxía fósil que medrou máis que as renovábeis no que levamos de século: o gas fósil.

O gas fósil, tamén chamado gas natural, é xa a segunda fonte de enerxía máis usada en Galiza, só atrás do petróleo. Supón un 20% da enerxía primaria empregada no noso país, superando de lonxe a achega do vento ou da auga.

O gas fósil non pode ser un protagonista principal da transición enerxética, en competencia co decrecemento do consumo e co desenvolvemento das renovábeis.

O gas non é a alternativa a outras fontes de enerxía fósil porque tamén contribúe á crise climática, xera dependencia externa, aumenta a pobreza enerxética, agranda a débeda ecolóxica co Sur global e fortalece o poder do oligopolio enerxético.

Aínda que Galiza dispón de conexións por gasoduto co resto da Península Ibérica, hoxe a maioría do gas fósil importámolo en barcos como gas licuado, a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos (ría de Ferrol), desde onde se inxecta na rede de tuberías que o distribúe polo país.

Infraestruturas gasísticas en España.

 

A industria e as centrais eléctricas de ciclo combinado das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy) acaparan a maior parte do consumo de gas fósil. Estas últimas figuran entre as maiores fábricas galegas de crise climática.

Para lograrmos reducións das emisións de gases de invernadoiro aliñadas co Acordo de París cómpre unha diminución progresiva e ambiciosa do consumo de gas fósil na nosa terra xestionada de forma xusta.

Neste sentido, é preocupante a utilización da futura produción de hidróxeno verde, producido a partir de electricidade renovábel, como coartada para alongar o negocio do gas fósil, mesturándoo e distribuíndoo co gas (blending) na rede de gasodutos.

E peor aínda é a pretensión do sector gasista de converter a Península Ibérica nun hub exportador de hidróxeno verde, o que obrigaría a un exceso de produción de electricidade renovábel ou desviaría esta do obxectivo prioritario da substitución do noso aínda elevado consumo de enerxía fósil. O hidróxeno verde debe empregarse de xeito limitado e só cando a electrificación directa non sexa viábel.

As organizacións que nos unimos na plataforma “Galiza sen gas” traballaremos pola consecución de catro grandes obxectivos:

1) Que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030 e para obter calor en fogares, servizos e industria antes de 2035. E acabar axiña coa súa utilización no transporte.

2) O peche da regasificadora de Reganosa en Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa.

3) A prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante “fracking”, por ser a técnica máis impactante, razón pola que foi prohibida para a extracción de gas en territorio español. Asemade, opoñémonos á importación de gas que contribúe a financiar guerras ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos.

4) A oposición ao posíbel hidroduto Guitiriz-Zamora e á pretensión da Xunta de converter Galiza nun territorio fortemente exportador de hidróxeno verde e derivados (amoníaco, metanol,…) cara ao norte de Europa.

Sen dúbida, é necesario producir hidróxeno verde en Galiza, mais convén consumilo perto dos lugares de produción e só cando sexa a última opción dispoñíbel para substituír os combustíbeis fósiles, en usos enerxéticos ou como materias primas.

O abandono rápido e total do uso do gas fósil en Galiza e no conxunto do Estado español parécenos non só desexábel senón tamén factíbel, e sen renunciar ao peche das centrais nucleares, mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma respectuosa co territorio, coa biodiversidade e con protagonismo cidadá.

Organizacións integrantes

Amigas da Terra

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Ecoar Global

Federación galega de Ecoloxistas en Acción

Greenpeace

Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI)

Verdegaia